A VI edición do Premio ao Mellor Proxecto Fin de Carreira con Licenza Libre está dotado cun premio de 1.500 € para o gañador. O premio está patrocinado pola asociación GPUL e o CIXUG, gracias aos convenios asinados coa AMTEGA para a difusión do software libre en Galicia, no marco do Plan de acción en materia de software libre da Xunta de Galicia.
Os membros da asociación GPUL queren contribuír a aumentar o atractivo do premio para que se sumen o maior número posible de participantes, e que a calidade dos proxectos presentados sexa o máis alta posible.
O premio pretende difundir as vantaxes que ofrece a elaboración dun proxecto fin de carreira, ou fin de grao, baixo unha licenza libre. Un xeito claro de diferenciarse do resto de proxectos presentados, e de ser recoñecido pola ampla comunidade empresarial galega que traballa no marco do código aberto.
Os requisitos para poder presentarse ao premio son que o proxecto sexa realizado cunha implementación libre de calquera linguaxe de programación, e ter publicado o software desenvolvido cunha licenza libre recoñecida pola Free Software Foundation ou a Open Source Initiative. Tamén son admitidos os proxectos que fagan uso de hardware libre.
Poden optar ao premio tódolos estudantes do Sistema Universitario Galego que teña defendido o proxecto fin de carreira cunha nota mínima de 5 puntos, dentro dalgunha das convocatorias do curso académico 2012-2013. O prazo de presentación de candidaturas remata o 31 de outubro.
Os interesados poden consultar as bases na páxina do premio en mancomun.org, ou poñerse en contacto coa Oficina de Software Libre do CIXUG.