Actualmente o Consorcio está a centrar a súa actividade de desenvolvemento tecnolóxico en tres proxectos de especial relevancia para os seus integrantes:
-
Xescampus (Aplicación de Xestión Académica):
- Xescampus representa a solución do CIXUG para a xestión académica das universidades, baixo unha concepción integral da oferta e da xestión.
- É unha aplicación web multilingüe, con seguridade e auditoría integrada, baseada nun enfoque aberto para permitir a adaptación aos cambios normativos e ás diferentes prácticas das universidades, dado que a súa evolución é continua partindo dun concepto modular, contemplando tamén a adaptación aos requisitos do EEES. Igualmente prevé e incorpora a interacción con terceiros (entidades financeiras, Sistema Universitario de Galicia, ACSUG…).
- Na actualidade, Xescampus está implantada e constitúe a base da xestión académica nas universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo, xestionando máis de 300.000 expedientes académicos e de 50.000 matrículas por ano.
-
SUXI (Sistema unificado de xestión da investigación):
- A plataforma SUXI é unha aplicación multilingüe baseada nunha arquitectura cliente – servidor accesible a través de web, baseada en linguaxe JAVA e empregando ferramentas de código aberto, que constitúe a aposta das tres universidades galegas para apoiar os procesos de investigación que se desenvolven no seu seo, para eliminar a duplicidade de información existente nos diferentes sistemas empregados ata o momento da súa posta en funcionamento e garantir que se comparte a información entre todas as áreas e persoas implicadas e integrar a investigación cos sistemas de xestión de persoal, económica e académica das tres universidades.
-
Implantación do voto electrónico na Universidade
- Na busca dunha maior transparencia, seguridade, eficacia e eficiencia nos procesos de elección de representantes nos diferentes ámbitos da comunidade universitaria (Consellos de Departamento, Xuntas de Facultades, eleccións ao reitorado…), tense desenvolvido unha aplicación de voto electrónico que actualmente xa se atopa en proceso de produción, co seu uso nas primeiras eleccións a Consellos de Departamento celebradas no segundo trimestre deste ano 2010.