Ao longo dos últimos anos, as políticas activas de emprego teñen gañado un importante peso no eido da promoción e mellora da empregabilidade das persoas desempregadas para facilitarlles unha axeitada busca de emprego e unha inserción laboral axustada; e dentro destas políticas activas, unha das accións fundamentais que se desenvolven nesta materia é a orientación laboral.
Ante un escenario como o actual, no que a recuperación económica semella consolidarse, o labor da orientación laboral é máis necesario que nunca, coa esixencia adicional dunha maior eficacia e eficiencia para enfocar os recursos de orientación dispoñibles a resultados, permitindo ás persoas desempregadas unha maior autonomía e implicación nos seus procesos de busca de emprego.
A isto engádese a aposta desde a Consellería de Economía, Emprego e Industria dentro da Axenda 20 para o Emprego en Galicia, por un novo modelo de orientación laboral aberta, moi centrada no traballo en rede do persoal orientador e no uso das TIC como ferramenta tanto de relación e interacción coas persoas demandantes, como para a procura de novas oportunidades de emprego.
Desde esta perspectiva, é tamén máis necesario que nunca desenvolver accións especializadas e especificamente destinadas a mellorar a cualificación e as competencias do persoal que se está a dedicar ou que ten como obxectivo dedicarse aos labores de orientación laboral, de xeito que poidan desenvolver este labor coa máxima eficacia e eficiencia, tanto en beneficio das persoas atendidas como no seu propio.
Por este motivo o Consorcio CIXUG, co apoio da Consellería de Economía, Emprego e Industria e do Ministerio de Empleo y Seguridad Social, pon en marcha a través das tres universidades do Sistema Universitario de Galicia (SUG) este Curso de Posgrao Universitario de Especialización en Orientación Laboral, que nesta edición de 2018 será xestionado de novo como título propio da Universidade da Coruña.
Cofinancian
Este curso, que dará dereito á obtención do titulo de Especialista Universitario en Orientación Laboral, é único en España polas súas características, xa que reúne de xeito integral nun único curso de posgrao de carácter práctico e especializado as mellores prácticas no ámbito da orientación laboral, xunto coas competencias e as ferramentas tecnolóxicas necesarias para permitir ao persoal dedicado á orientación laboral aplicalas no seu día a día con garantías de máxima utilidade.
Deste xeito, o CIXUG colabora no desenvolvemento dun currículo formativo específico que por unha banda permita ás persoas participantes no curso desenvolver as súas capacidades para mellorar a calidade das actividades de orientación laboral que reciben as persoas desempregadas; e que por outra ofreza ás institucións que oferten estes servizos ás persoas desempregadas, un instrumento obxectivo que acredite a capacidade deste persoal para o óptimo desenvolvemento das accións que teña previsto abordar.
Para saber máis: