Ao tratarse dun curso en modo blended learning con contidos de teleformación a través da plataforma Moodle do CIXUG, resulta imprescindible que as persoas participantes conten cun computador con:
- Versión actualizada do seu navegador (preferentemente Mozilla Firefox).
- Cámara web.
- Altofalantes.
- Micrófono.
- Acceso a Internet.
Xa que algunhas das actividades formativas e avaliativas do curso poden requirir de acceso e interacción a través da rede, así como da creación de artefactos dixitais; e os contidos dos diferentes temas non serán descargables ata a finalización dos mesmos dado que tamén a súa visualización na plataforma se terá en conta como criterio de aproveitamento.
Ademais, dado o enfoque innovador da orientación laboral aberta no uso das ferramentas TIC e as novas tecnoloxías aplicadas á xestión do emprego, pode requirirse da instalación por parte das persoas participantes de determinado software ou plugins no seu computador que, en todo caso, será gratuíto e de uso libre. Igualmente, para posibilitar a participación e óptimo aproveitamento de determinadas actividades do curso, poderá requirirse das persoas participantes o seu rexistro en plataformas ou redes sociais.
Para un mellor aproveitamento das mesmas, é recomendable que as persoas participantes no curso de iniciación acudan ás sesións presenciais relacionadas con temáticas TIC cun computador persoal ou dispositivo móbil equivalente (tablet ou smartphone) que permita o acceso a Internet a través de WIFI, para posibilitar a consulta ou interacción con algunhas das ferramentas empregadas.