Ao tratarse dun curso en modo blended learning cun importante compoñente de teleformación a través da plataforma Moodle do CIXUG, resulta imprescindible que as persoas participantes conten cun computador con:
- Versión actualizada do seu navegador (preferentemente Mozilla Firefox ou Google Chrome)
- Cámara web
- Altofalantes
- Micrófono
- Acceso a Internet
Xa que moitas das actividades formativas e avaliativas do curso requiren de acceso e interacción a través da rede, así como da creación de artefactos dixitais e de vídeo; e os contidos dos diferentes temas non serán descargables ata a finalización dos mesmos dado que tamén a súa visualización na aula virtual se terá en conta como criterio de aproveitamento.
Ademais, e dado o enfoque innovador do curso de posgrao no uso das ferramentas TIC e as novas tecnoloxías aplicadas á xestión do emprego, pode requirirse da instalación por parte das persoas participantes de determinado software ou plugins no seu computador que, en todo caso, será gratuíto e de uso libre. Igualmente, para posibilitar a participación e óptimo aproveitamento de determinadas actividades do curso, poderá requirirse das persoas participantes o seu rexistro en plataformas ou redes sociais, creando perfís profesionais reais.
Do mesmo xeito, as persoas participantes no curso de especialización deberán acudir ás sesións presenciais cun computador persoal ou, no seu defecto, cun dispositivo móbil equivalente (tablet ou smartphone, aínda que algunhas funcionalidades poderían verse limitadas neste caso) que permita o acceso a Internet a través de WIFI e a interacción coa plataforma Moodle e as diferentes ferramentas empregadas, xa que algunha das tarefas propostas poderá requirir a interacción ao longo da sesión con diferentes servizos e espazos.
En calquera caso, os requisitos concretos que precise cada persoa formadora en relación ás súas actividades, así como as instrucións para a súa descarga e instalación, serán publicados na aula virtual do curso con antelación suficiente para posibilitar a correcta instalación e a dispoñibilidade dos mesmos.