O Curso Avanzado en Orientación Laboral ten como obxectivo fundamental continuar desenvolvendo o currículo formativo específico para a formación do persoal dedicado á orientación laboral, afondando de xeito especializado e específico en aspectos relevantes, actuais e de interese que permitan e adquisición de novas competencias para o desempeño do seu labor profesional nas mellores condicións posibles.
Polo tanto, non só se procura afianzar competencias e incorporar outras novas, senón lograr unha aplicabilidade inmediata que teña reflexo no desempeño diario das persoas que tomen parte no curso avanzado e, por extensión, nas persoas orientadas coas que traballan e nos resultados que estas acadan nos seus procesos de procura activa de emprego.
Continuando co enfoque que se mantén en todo o esquema formativo, mantén o avance parello das tres vertentes fundamentais que se veñen traballando nos últimos anos:
- Metodoloxías e técnicas para o desempeño na Orientación Laboral Aberta.
- Apoio e asesoramento ao autoemprego e emprendemento.
- Estratexias e ferramentas TIC para a orientación laboral aberta.
Deste xeito, se contribúe de xeito continuado a consolidar as tres perspectivas básicas tanto do modelo de orientación definido no decreto de carteira común de servizos do SNE, como no propio modelo de Orientación Laboral Aberta definido pola Consellería de Economía, Emprego e Industria para Galicia.