O obxectivo fundamental deste Curso de Introdución á Orientación Laboral Aberta é o de servir como primeira aproximación aos contidos, competencias, ferramentas e metodoloxías para o desenvolvemento da Orientación Laboral Aberta en Galicia, trasladando ás persoas participantes un coñecemento preciso sobre os recursos persoais, as metodoloxías, tecnoloxías e competencias que deben traballar para poder chegar a desenvolverse neste eido de xeito profesional, servindo como paso previo ao Posgrao de Especialización en Orientación Laboral.
Pero ademais, son obxectivos deste curso os seguintes:
- Integrar nun proceso de formación os criterios e principios básicos esenciais que a Consellería de Economía, Emprego e Industria desexa transmitir a calquera técnica/o que estea a interactuar coas persoas demandantes de emprego.
- Abrir a vía de desenvolvemento vinculada á orientación laboral para todas aquelas persoas que poidan estar interesadas en dirixir cara esta vía o seu futuro profesional.
- Completar o desenvolvemento do currículo formativo para a orientación laboral, provendo un itinerario completo e coordinado desde os niveis máis básico ata o máis avanzado.
Por este motivo, tanto a formación como os seus contidos e os métodos didácticos se teñen deseñado combinando e equilibrando as sesións expositivas con elementos prácticos, requirindo de interacción e de participación e mediante o uso de canles e ferramentas tecnolóxicas que se aplican nos contornos reais de traballo; e estes contidos se teñen desenvolvido de xeito específico para esta formación polo equipo docente que participará no seu desenvolvemento.