As diferentes situacións polas que ten atravesado o mercado laboral nos últimos anos e, especialmente pola súa proximidade no tempo e a súa ampla repercusión, a motivada pola situación de emerxencia sanitaria derivada da COVID-19, evidencian a maior rapidez coa que cada vez se suceden os cambios no contorno laboral, e a necesidade de apoiar cada vez máis ás persoas que procuran emprego, xa o fagan por primeira vez ou se atopen nunha transición laboral entre dous empregos, para axudalas a acadar as competencias que lles permitan realizar uns procesos de procura activa de emprego eficaces e con autonomía persoal, sendo conscientes dos seus recursos para o emprego e de como melloralos.
Neste contexto, o Consorcio CIXUG, co apoio da Consellería de Emprego e Igualdade e do Ministerio de Trabajo y Economía Social, pon en marcha este Curso de Posgrao Universitario de Especialización en Orientación Laboral, que nesta edición de 2020 será xestionado como título propio da Universidade da Coruña, sendo esta a primeira edición na que a modalidade de impartición será 100% en liña, para evitar a exposición a potenciais riscos para a saúde por parte das persoas participantes, así como evitar incidencias que afecten á súa realización motivadas por posibles rebrotes da enfermidade da COVID-19.
Cofinancian
Este curso, que dará dereito á obtención do titulo de Especialista Universitario en Orientación Laboral, é único en España polas súas características, xa que reúne de xeito integral nun único curso de posgrao de carácter práctico e especializado as mellores prácticas no ámbito da orientación laboral, xunto coas competencias e as ferramentas tecnolóxicas necesarias para permitir ao persoal dedicado á orientación laboral aplicalas no seu día a día con garantías de máxima utilidade.
Deste xeito, o CIXUG colabora no desenvolvemento dun currículo formativo específico que por unha banda permita ás persoas participantes no curso desenvolver as súas capacidades para mellorar a calidade das actividades de orientación laboral que reciben as persoas desempregadas; e que por outra ofreza ás institucións que oferten estes servizos ás persoas desempregadas, un instrumento obxectivo que acredite a capacidade deste persoal para o óptimo desenvolvemento das accións que teña previsto abordar.
Para saber máis: