Entre os obxectivos que se perseguen coa celebración do Curso de Posgrao de Especialización en Orientación Laboral prima o de permitir que o persoal técnico vinculado ao labor de orientación laboral nas entidades públicas locais, provinciais ou de calquera outro tipo e das entidades privadas, poida potenciar os seus coñecementos e competencias profesionais e persoais cara a unha mellor atención á poboación demandante dos seus servizos.
Pero ademais, son obxectivos deste curso os seguintes:
- Integrar nun proceso de formación os criterios e principios básicos esenciais que a Consellería de Economía, Emprego e Industria desexa transmitir a calquera técnica/o que estea a interactuar coas persoas demandantes de emprego.
- Axudar a actualizar e a renovar os coñecementos técnicos no ámbito da interacción coas persoas demandantes de emprego, na busca de mellorar a súa empregabilidade e ocupabilidade.
- E abrir a vía de desenvolvemento profesional vinculada á orientación laboral para todas aquelas persoas que, independentemente da situación laboral na que se encontren, poidan adquirir uns coñecementos esenciais para poder facer fronte a dito desenvolvemento profesional.
Por este motivo, tanto a formación como os seus contidos e os métodos didácticos se teñen deseñado dun xeito eminentemente práctico, requirindo de interacción constante entre as persoas participantes e de participación mediante o uso de diferentes canles e ferramentas tecnolóxicas que deberán aplicar con posterioridade no seu contorno real de traballo; e estes contidos se teñen desenvolvido de xeito específico para esta formación por persoal experto, que será ademais o que participe no desenvolvemento do curso.