Como seguro xa coñeces, LinkedIn é a ferramenta inicial para comezar a poñerte en valor e que , en moitas ocasións, facilita a conexión co teu ámbito profesional. Independentemente da situación na que te atopes, cos estudos xa rematados, desenvolvendo o traballo final ou no medio deles, podes comezar a traballar no teu posicionamento profesional xa.
Revisa as achegas seguintes sobre como desenvolver o teu perfil, é importante que xa teñas un curriculum vitae desenvolvido con todas as túas datas de referencia a man. Ten en conta que o teu perfil, neste espazo, reflicte a túa imaxe profesional, por tanto, toda a conversa que se crea, xira ao redor do teu ámbito profesional.
1. Comeza por engadir os teus datos persoais na cabeceira, engade palabras chave que realmente definan a túa profesión ou posición profesional.
2. O extracto é, sen lugar a dúbidas un dos puntos chave do teu perfil. Non mais extenso que media cara dun A4 debe recoller as motivacións que te levaron ao teus estudos, ao teu traballo final, cal é o teu obxectivo profesional ou que aprendiches logo de participar nun proxecto ou colaboración. Lembra que Linkedin so amosa de xeito inicial as dúas primeiras liñas do teu extracto, así que estas constitúen o punto de enganche ao resto do teu perfil.
3. Experiencia profesional: se tes desenvolvido prácticas, podes engadilas neste apartado, terás oportunidade de especificar as datas de realización e un breve da súa temática ou da túa experiencia.
4. Formación (regrada): especifica os estudos superiores que teñas rematado. Podes especificar certificados de profesionalidade, formación profesional, formación de grado superior, posgraos e masters.
5. Cursos: calquera outra formación complementaria que potencie o teu perfil. Se tes desenvolvidos moitos, engade aqueles que realmente achegan valor. Para cada curso engade o ano de realización e as horas (crea un patrón igual para cada denominación).
6. Voluntariado: se tes desenvolvido ou estás participando nunha acción de voluntariado, engádea neste apartado e achega as motivacións de realizalo e o que aprendiches logo da túa experiencia.
7. Grupos: os grupos constitúen o motor principal do Linkedin, busca grupos afíns ao teu sector profesional e solicita entrada, revisa as súas publicacións e comeza a túa participación marcando algunha das publicacións que sexan do teu interese. Logo comparte algunha delas no teu espazo e cando xa esteas afeito, atrévete coas túas propias publicacións.
8. Aptitudes: define mediante etiquetas ou palabras chave, o que te define. Equilibra entre aptitudes funcionais e técnicas. Non engadas mais de 10 -15 e as principais, de primeiras. Lembra que as aptitudes poden ser validadas polos perfís cos que teñas conexión.
9. Proxectos: independentemente dos traballos desenvolvidos (ou tempadas de prácticas) se participaches nun proxecto con un resultado concreto, podes engadilo neste apartado. Se tivo un espazo web ou soporte nas canles sociais podes engadir aquí as súas URL.
10. Evidencias: en cada un dos apartados que o permita engade evidencias do traballo desenvolvido ou dos resultados obtidos, ollo, sempre que a información sexa pública ou elaborada por ti (p.e. unha presentación utilizada nun relatorio, un programa onde se menciona a presentación do teu proxecto, unha nota de prensa, o documento resumo do proxecto; non engadas copias do teu título, nin listaxes nin as URL das webs onde traballaches).
Lembra que neste espazo, publícanse ofertas de emprego que, nalgúns casos, non aparecen noutros medios e que é unha ferramenta esencial para comezar a facer networking. Se non atopas un grupo afín aos teus intereses sempre podes comezar por crear un para os teus compañeiros e compañeiras de estudos, a partir deste xurdirán intereses comúns.