Dende o pasado 28 de agosto, o servidor de réplicas da Oficina de software libre do CIXUG xestiona a primeira réplica do proxecto Linux Mint no noso país.
Tal e como se pode apreciar na seguinte captura de pantalla, nestes momentos os usuarios que desexen realizar a descarga dos ficheiros ISO da distribución poden utilizar o servidor FTP da OSL. A día de hoxe, o espazo necesario para replicar as versións dispoñibles de Linux Mint acadan un total de 143 GB.
Grazas a esta nova réplica contribuimos ao coñecemento da distribución no noso ámbito de traballo, e cumprimos co obxectivo da OSL de apoiar os proxectos libres que requiran de promoción dentro da comunidade universitaria galega.
Linux Mint é unha distribución GNU/Linux baseada en Debian e Ubuntu, que ten como obxectivo achegar aos seus usuarios un sistema operativo moderno, elegante e doado de utilizar. Comeza no ano 2006, e actualmente é o cuarto sistema máis utilizado, despois de Windows, Apple Mac OS e Ubuntu, e o primeiro en descargas de sistemas GNU/Linux segundo o ranking de Distrowatch.
Están dispoñibles tódalas versións publicadas ata o momento, dende o lanzamento da 3.1 ata a última versión estable, 15 Olivia. É posible obter versión para procesadores de 32 ou 64 bits, e con escritorio Cinnamon, Mate, KDE ou XFCE. Tamén podemos descargar a versión Linux Mint Debian Edition (LMDE), que ao ser compatible cos repositorios de Debian Testing (non con Ubuntu), convertena nunha distribución semi-rolling, evitando ter que reinstalar o sistema cada vez que se publica unha nova versión.