Na sesión inaugural participou o Director Xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes González, xa que a Consellería de Economía, Emprego e Industria apoia esta iniciativa formativa na que participan, nesta edición, 60 persoas vinculadas coa orientación laboral ou en proceso de reciclaxe cara este ámbito.
O Posgrao aliña os seus obxectivos tendo en conta o contexto laboral actual e as directrices da Axenda 20 para o Emprego:
- Emprego de calidade como elemento de competitividade
- Formación e capacitación
- Orientación laboral aberta
O Director Xeral destacou a importancia do orientador e orientadora laboral, peza fundamental sobre a que xira todo o Sistema Público de Emprego de Galicia (SPEG), xa que proporcionan as ferramentas para que as persoas atopen emprego de calidade.
Ademais da representación da Consellería de Emprego e Industria, o xerente do CIXUG, Manuel Mosquera Viso, lembrou a importancia do emprego como unha das areas estratéxicas do Consorcio, representado, entre outras iniciativas, no impulso desta 4ª Edición do Posgrao de Especialización en orientación Laboral (e dúas como Curso Avanzado).
O Director Académico do posgrao, Fernando Agulló Leal e os titores Maria Teresa Deus Trasobares e Carlos Parada Gandos, presentaron os contidos académicos e os obxectivos específicos de cada área temática, en confluencia coas directrices da Consellería de Economía, Emprego e Industria na formación de orientadoras e orientadores altamente especializados e centrados nun modelo de orientación laboral aberta.
O posgrao desenvolvese a longo de 650 horas de formación semipresencial (26 créditos ETCS).