Durante a mañá do próximo martes, 8 de outubro, a oficina móbil da OSL estará presente na Escola Politécnica Superior do campus de Lugo.
A OSL trasládase nesta ocasión ata as instalacións da Escola Politécnica, co obxectivo de amosarlles aos estudantes do campus de Lugo os servizos que teñen á súa disposición. En horario de 10 a 14, as persoas interesadas en contactar co persoal da OSL poderá localizar o punto informativo na Ampliación da Escola, situada ao carón da cafetería.
Paralelamente, de 11 a 12 da mañá, terá lugar no Salón de actos da Escola, unha charla para dar a coñecer de primeira man a realidade das empresas privadas que traballan con software libre. Contaremos coa presenza de Francisco González, xerente de Pexego, e Luís Alberto Fernández, xerente de AGASOL, ademais da presentación da Oficina de software libre a cargo de Rafael R. Gaioso, coordinador da mesma.
Pexego é unha spin-off da Universidade de Santiago de Compostela, que naceu como unha Iniciativa Empresarial de Base Tecnolóxica (IEBT), calificada pola Xunta de Galicia. A súa actividade está centrada no software de xestión empresarial, no deseño multimedia, e no e-learning.
A Asociación de empresas Galegas de Software libre (AGASOL), son un conxunto de empresas que ofrecen servizos baseados en software libre, e que pretenden promocionar un modelo de sociedade do coñecemento no que resulta clave a liberdade para obter mellores programas informáticos.
Os asistentes poderán escoitar de primeira man as experiencias de profesionais do sector das tecnoloxías libres, e terán a oportunidade de resolver todas aquelas dúbidas que poidan ter acerca de como traballar profesionalmente nunha empresa do sector do software libre.
Tamén aproveitaremos para presentar o Premio ao mellor proxecto fin de carreira con licenza libre, que está organizado pola OSL, e patrocinado pola AMTEGA, no que o prazo de presentación de candidaturas remata o próximo 31 de outubro.