Tanto se xa remataches os teus estudos e estás en proceso de procura de emprego como se acabas de comezar a túa carreira profesional ou estás intentando poñer en marcha un emprendemento, unha boa forma de entrar en contacto co teu ámbito profesional e coñecer ou contactar con profesionais afíns e empregadores ao tempo que nos poñemos ao tanto de novas, son as xornadas e programas que distintas institucións, da nosa contorna, poñen en marcha.
Estes son algúns dos eventos que poden ser do teu interese ao tempo que unha boa oportunidade de networking. Algunhas son xornadas informativas e outras poden ser programas de participación mais extensa, revisa as condicións de participación en cada unha das propostas.
OUTUBRO:
- 2/OUTUBRO: Regresa GIRA Mujeres, da man da FUNDACIÓN MUJERES para impulsar o emprendemento en mulleres de entre 23 e 60 anos.
- 5/OUTUBRO: Obradoiro de balde sobre o emprego de licenzas Creative Commons na creación de contidos dixitais.
- 19/OUTUBRO: IV Xornada de Usuarios de R en Galicia. Organizada pola Oficina de Software Libre do CIXUG, e patrocinada pola AMTEGA (Xunta de Galicia) incluirá relatorios e talleres co obxectivo de promocionar o coñecemento da linguaxe estatística R e as súas aplicacións, así como proporcionar un punto de encontro para todas aquelas persoas interesadas en intercambiar as súas experiencias e atopar colaboracións do resto da comunidade.
- 19/OUTUBRO: O CiTIUS organiza o II Machine Learning Workshop Galicia, un encontro que pretende constituírse como punto de referencia entre a industria e a comunidade investigadora neste ámbito.
- 20/OUTUBRO: Greenweekend é un evento para profesionais do sector ambiental que se desenvolve entre as oportunidades de emprego e emprendemento. Ao longo das xornadas poderás presentar o teu proxecto e coñecer a empresas que está á procura de talento. O próximo 20 de outubro celebrase na Coruña.
- 27/OUTUBRO: II Xornadas de Innovación Docente da UDC. Aínda que terá preferencia o PDI da UDC, admitirase en función do aforo dispoñible a calquera persoa da comunidade universitaria da UDC con interese pola temática das xornadas.
ADIANTO NOVEMBRO:
- 8/NOVEMBRO: Lanzaderas de emprego. Programa intensivo de 5 meses para axudar ás persoas a activar e optimizar a súa procura de emprego.
- 9/NOVEMBRO: no Auditorio da Casa do Saber celébrase DivulgaTerra 2017, un evento de divulgación do traballo desenvolvido polos novos investigadores e investigadoras do Campus Terra, e de promoción do uso do galego como lingua da comunicación e da divulgación científica.
Ademais de aproveitar a xornada, emprega os descansos e os momentos iniciais e finais para facer networking e falar e contactar con outras e outros participantes ao evento; algunhas xornadas facilitan os encontros e a charla informal nos descansos ou en momentos xa establecidos. Non os desperdicies.