Se o teu proxecto de fin de carreira, traballo de fin de grao ou traballo de fin de mestrado xira ao redor do Software Libre, inscribete na X edición do Premio ao Mellor Proxecto Universitario con Licenza Libre, patrocinado, entre outros axentes, polo Consorcio para o desenvolvemento de aplicacións para a Xestión Universitaria (CIXUG).
Poderán participar todos os estudantes do Sistema Universitario Galego que teñan defendido o seu traballo nalgunha das convocatorias do curso 2016-2017 cunha nota mínima de 5 e que este teña sido desenvolvido:
- Cunha implementación libre de calquera linguaxe de programación
- Ter publicado o software desenvolvido cunha licenza libre, das recoñecidas pola Free Software Foundation ou a Open Source Initiative
- Tamén poden participar os traballos que fagan uso de Hardware Libre
Ademais doutros criterios, para a valoración dos proxectos, terase en conta:
- A publicación continúa do traballo
- A correcta utilización dunha licenza libre e a posterior aplicación da mesma ao código do proxecto
- O deseño e a implementación
Dende o portal mancomún, podes consultar toda a información dispoñible sobre a convocatoria.
O prazo para presentar a túa candidatura está aberto ata o 30 de setembro.