O Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia, vén de anunciar un curso de «Xestión de proxectos baseados en PMBoK con ferramentas de software libre», que terá lugar durante a semana do 15 ao 19 de decembro, cun total de 20 prazas dispoñibles.
O proceso de inscrición está aberto ata o próximo día 26 de novembro a través do sitio web do centro. A proba de selección terá lugar o día 3 de decembro en xornada de tarde.
A través desta formación, os participantes poderán coñecer dúas das principais ferramentas libres que son utilizadas na xestión de proxectos: ProjectLibre e RedMine. O curso formará naqueles conceptos necesarios para entender como trasladar os principios e procesos propostos no PMBoK a unha contorna laboral, permitindo crear planificacións temporais, traballar con tarefas, dependencias, fitos, fases, recursos e custos.
O curso vai dirixido a perfís de profesionais iniciados/as na administración e xestión de proxectos e/ou a responsables de xestionar datas, estimar, controlar, orzamentar, contratar persoal para un proxecto, etc.