Dende o día 3 de agosto está aberto o prazo para realizar a preinscrición na edición de 2018 do Posgrao de Especialización en Orientación Laboral, un título propio da Universidade da Coruña organizado polo CIXUG, co apoio da Consellería de Economía, Emprego e Industria e do Ministerio de Emprego e Seguridade Social.
O posgrao reúne as mellores prácticas no ámbito da orientación laboral, xunto coas competencias e ferramentas TIC necesarias para o desenvolvemento diario do labor orientador; ademais, integra os criterios e principios básicos que a Consellería de Economía, Emprego e Industria desexa transmitir a calquera persoa que estea a interactuar coas persoas demandantes de emprego desde a perspectiva da orientación.
Máis información sobre o Posgrao de Especialización en Orientación Laboral
Como novidade, e para complementar a oferta formativa nesta materia, co apoio da Consellería de Economía, Emprego e Industria e do Ministerio de Emprego e Seguridade Social, o CIXUG pon en marcha dous novos cursos.
Un Curso de Iniciación á Orientación Laboral Aberta que, combinando formación presencial e teleformación como no caso do posgrao, pretende constituírse como un primeiro achegamento para as persoas que, tendo interese potencial en desenvolver o seu futuro profesional no eido da orientación laboral, carecen do coñecemento preciso en relación aos contidos do servizo e en que consiste exactamente, cales son as competencias necesarias e que implica na práctica o seu desenvolvemento.
Polo tanto, o obxectivo fundamental deste curso de iniciación é o de servir como primeira aproximación aos contidos, competencias, ferramentas e metodoloxías para o desenvolvemento da orientación laboral aberta en Galicia, trasladando ás persoas participantes un coñecemento preciso sobre os recursos persoais, as metodoloxías, tecnoloxías e competencias que deben traballar para poder chegar a desenvolverse neste eido de xeito profesional, servindo como paso previo ao Posgrao de Especialización en Orientación Laboral.
Máis información sobre o curso de Iniciación á Orientación Laboral Aberta
E un primeiro Curso Avanzado en Orientación Laboral, pensado como continuación do currículo formativo para as persoas que teñen superado o Posgrao de Especialización en Orientación Laboral, ou para profesionais da orientación laboral que queren afondar na súa especialización, xa que nel se abordan algúns dos contidos xa introducidos con anterioridade, pero o nivel de profundidade é aínda maior, de cara á consolidación das competencias e á definición de estatexias e itinerarios para a súa aplicación práctica e inmediata no traballo diario das persoas participantes.
Polo tanto, non só se procura afianzar competencias e incorporar outras novas, senón lograr unha aplicabilidade inmediata que teña reflexo no desempeño diario das persoas que tomen parte no curso avanzado e, por extensión, nas persoas orientadas coas que traballan e nos resultados que estas acadan nos seus procesos de procura activa de emprego.