A Oficina de Software Libre está a colaborar coa Universidade de Santiago na configuración e instalación de software libre en cinco equipos que serán doados ao cárcere de Teixeiro. Os equipos informáticos serán instalados na Aula UNED do centro penitenciario, para seren utilizados polos internos que estean matriculados na universidade a distancia.
O traballo levado a cabo pola OSL foi de asesoramento na preparación dos equipos, incluídas as tarefas de borrado da información nos discos duros, traballo que se fixo empregando o software Darik’s Boot and Nuke, utilizado tamén polos compañeiros do GRUVI da Universidade de Vigo. Tamén se fixeron probas con diferentes distribucións de GNU/Linux, pero debido ás características hardware dos equipos, Pentium 4 con 512 Mb de RAM, a que acadou mellores resultados foi a distribución Minino Ártabros 2.0, mantida pola asociación Galpon.
A maiores do software incluído na distribución, instalouse o software estatístico R, xunto co paquete RCommander para facilitar o manexo de dita ferramenta a través dunha interface de usuario.
Debido a que nos centros penitenciarios non existe conexión a internet para uso dos internos, nas próximas semanas levaranse a cabo os traballos necesarios para instalar unha rede local na Aula UNED, e configurar un servidor cunha copia de Moodle cos cursos que ten liberados a OSL, e así os internos poderán acceder aos contidos dos cursos na aula, entre os que se atopa o de Análise estatística con RCommander.