Hoxe traemos á nosa páxina unha entrevista que fixemos este verán ao equipo responsable da ferramenta BioStatFLOSS. Estamos a falar de Miguel Ángel Rodríguez Muíños, Mª Teresa Seoane Pillado e Xurxo Hervada Vidal, que veñen de liberar esta ferramenta de traballo para os profesionais do sector da saúde, e que pode obterse dende o servidor de réplicas da OSL.
Pregunta.- Como nace o proxecto BioStatFLOSS?
Resposta.- O proxecto BioStatFLOSS nace, fundamentalmente, pola necesidade de atopar alternativas (baixo o sistema operativo Microsoft Windows) ao software privativo no eido dos estudos bioestatísticos, epidemiolóxicos e de saúde en xeral, posto que os custos das licenzas privativas e a súa política de actualizacións disparaba a inversión en software. Sirva como exemplo, que o custo anual por licenza dun dos programas “estrela” para a realización deste tipo de estudos ronda os 6.000€.
Ademais da posibilidade de desenvolver estudos profesionais e de investigación, facilítanse as tarefas de formación, e resólvese a imposibilidade dos alumnos de acceder, legalmente, ao software privativo, como xa comentamos, extremadamente caro neste eido, substituíndoo por software libre.
P.- Que persoas están detrás deste proxecto? e cal é a aportación de cada un deles ao proxecto?.
R.- O equipo do proxecto BioStatFLOSS está formado, fundamentalmente, por 3 persoas:
- Miguel Ángel Rodríguez Muíños, Técnico Informático da Dirección Xeral de Información e Xestión da Saúde Pública da Consellería de Sanidade, como Coordinador do Proxecto.
- Mª Teresa Seoane Pillado, Técnico Bioestatística da Unidade de Epidemioloxía Clínica e Bioestatídica do Complexo Hospitalario Universitario de A Coruña, como asesora experta en bioestatística.
- Xurxo Hervada Vidal, Subdirector Xeral de Información sobre Saúde e Epidemioloxía da Consellería de Sanidade, como asesor experto en epidemioloxía.
P.- A que tipo de usuarios vai dirixida esta aplicación?
R.- Vai dirixido a profesionais da bioestatística, investigadores, estudantes, …. Calquera usuario potencial de software (bio)estatístico, epidemiolóxico ou que desexe facer estudos de saúde en xeral.
P.- Cal é o grao de satisfacción co que conta o uso da aplicación?
R.- Non temos habilitado ningún procedemento de medición do grao de satisfacción nin temos indicadores concretos que poidan servir coma unha referencia válida. O que sí coñecemos é a opinión dalgúns dos alumnos de cursos que se están a impartir, e que usan o BioStatFLOSS como software de referencia, e o grao de satisfacción é elevado en practicamente tódolos casos.
P.- Tedes prevista algunha mellora no futuro próximo?
R.- Ademais das actualizacións periódicas que recollen as últimas versións dos programas incluidos, estamos a facer unha nova revisión dos mesmos e na seguinte versión de BioStatFLOSS incorporarase novo software.
Tamén estamos a estudar a posibilidade de facer unha versión “lite” onde só estea o software puramente bioestatistico e epidemiolóxico (que non incluiría o navegador web, a suite ofimática e algún otro programa “xenérico”).
P.- Que apoio precisades para acadar unha maior difusión do proxecto?
R.- Unha vez rematado o proceso da montaxe, agora mesmo o que máis se necesita e axuda para difundir o produto nas canles axeitadas e que chegue a tódolos potenciais usuarios do mesmo…. Bioestatísticos, epidemiólogos, persoal sanitario que realice estudios de saúde, estudantes relacionados, etc.
P.- Que outros proxectos libres poderían copiar o modelo seguido por BioStatFLOSS?
R.- Entendemos que calquera proxecto que tente de reunir, nun entorno homoxéneo e de fácil adquisición e uso, certa cantidade de software libre que serva para a sua utilización nun eido profesional concreto, podería facer algo similar ao BioStatFLOSS.
[1] http://www.sergas.es/MostrarContidos_N3_T01.aspx?IdPaxina=62658&idioma=ga