A continuación deixamos un resumo da entrevista:
Pregunta: A Oficina de Software Libre das Universidades Galegas é un organismo centralizado e integrado no Consorcio para o desenvolvemento de aplicacións para a Xestión Universitaria. Que beneficios se poden obter dunha OSL compartida e centralizada?
Resposta: O feito de integrar a OSL entre o tres universidades galegas axuda a aproveitar as mesmas actividades de difusión entre as universidades, co aforro en recursos que supón. Por exemplo, ofértanse cursos para formar ao persoal PAS (persoal de administración e servizos) das tres universidades en modo teleformación.
A UDC conta cun gran apoio institucional para o fomento do Software Libre, que medidas e políticas institucionais destacariades?
A UDC vén apoiando sistematicamente todas as accións de promoción do software libre, con cesión de infraestruturas e soporte económico ás asociacións de estudantes, como GPUL, que leva en funcionamento desde 2008 e realiza un gran número de eventos de promoción e formación.
A UDC optou pola vía da formación e a promoción para a difusión no canto da imposición mediante políticas institucionais. Unha das accións máis destacadas é a inclusión de probas de software libre nas probas de acceso do persoal de administración e servizos. Nestes momentos a colaboración coa AMTEGA [Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia] vai facilitar estes labores de promoción.
Que recepción teñen os cursos de formación en software libre para PAS e PDI? Hai diferenzas nas demandas de formación por parte destes dous colectivos?
Tanto o PAS como o PDI da UDC participa activamente nestes cursos de formación, hai unha gran demanda de participación nos mesmos e as enquisas de satisfacción indican que os aproveitan e agradecen moito. Non vemos distinción en canto a PAS ou PDI (persoal docente e investigador), aínda que estes últimos adoitan requirir formación máis especializada.
A UDC forma parte da iniciativa OpenCourseWare, aínda que non conta expresamente cunha sección OCW de cursos docentes abertos ao público. Expúxose a súa incorporación? Existe algunha plataforma alternativa para ofrecer cursos abertos na Universidade da Coruña?
Actualmente estase traballando en incorporar contidos a esta iniciativa, gran parte deles atópanse na plataforma de televisión (UDCTv) e no módulo de openmeeting integrado con Moodle. A nivel particular algúns PDIs atópanse inmersos en diversos proxectos de difusión do coñecemento aberto.
Fonte: Portalprogramas e Mancomun