O xurado da VII edición do «Premio ao mellor Proxecto de Fin de Carreira con licenza libre» vén de anunciar a lista de candidatos que pasan á fase final do premio, que terá lugar o próximo venres, 17 de outubro, na Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela.
A lista definitiva de finalistas é a seguinte:
- Vreixo González Caneda
- Iago Veloso Abalo
- David Albela Pérez
- Santiago Saavedra López
- Damián Aragunde Pérez
O acto de resolución do premio terá lugar no Edifico da Biblioteca e Arquivo de Galicia, situado na Cidade da Cultura, e no mesmo os finalistas deberán realizar unha breve presentación do seu traballo para que poida ser avaliado polo xurado, e así poder decidir o gañador do primeiro premio, dotado con 1.500 euros, e o merecedor do accésit patrocinado por GPUL, de 750 euros.
Este premio trata de recompensar e darlle visibilidade a todos aqueles proxectos que se liberen cunha licenza libre, e que fagan uso dunha metodoloxía de desenvolvemento libre.
Esta actividade forma parte das actividades que o CIXUG realiza no marco do Convenio de colaboración asinado coa AMTEGA para a difusión do software libre e incluídas no Plan de Acción de Software Libre 2014 da Xunta de Galicia.