O Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia acollerá durante os días 1 e 2 de xullo a terceira edición do Congreso de software libre, organizado por Igaciencia. A Oficina de software libre do CIXUG participará no mesmo coa presentación do curso de RCommander, que recentemente foi liberado, e pode consultarse no Campus virtual do CIXUG.
O relatorio da OSL servirá para amosar os nosos servizos, e dar a coñecer os materiais publicados que poden ser utilizados por calquera centro de ensino da nosa comunidade.
Na primeira parte, explicarase o procedemento para poder utilizar os cursos, e materiais liberados, como importalos nunha aula virtual, ou como descargalos. Na segunda parte, que correrá a cargo de Miguel Ángel Rodríguez, farase unha explicación en detalle dos contidos do curso “Análise estatística con RCommander”.
O congreso de software libre para educación pretende servir como canle de intercambio de coñecemento entre investigadores e profesores de educación. A actividade está orientada a facilitar a actualización do profesorado de Galicia, impulsar o desenvolvemento da investigación en educación en software libre, dar a ocasión de coñecer innovacións educativas e difundir distintas liñas para a aprendizaxe e ensinanza das distintas materias da educación.