O CIXUG, a través da Oficina de Software Libre, vaise encargar da organización do Premio, e da súa difusión entre a comunidade universitaria galega, así como o patrocinio do primeiro premio de 1.500 €. A asociación GPUL, pola súa parte, realiza unha achega de 750 €, que se destinan ao patrocinio dun accésit, no caso de que o xurado así o decida á vista da calidade dos proxectos presentados. Ambos premios están relacionados cos respectivos convenios de colaboración asinados coa AMTEGA para a realización de actividades de promoción do software libre en Galicia.
Pode presentarse calquera estudante do Sistema Universitario Galego (SUG) que teña defendido o seu PFC, TFG, ou TFM nalgunha das convocatorias do curso 2015-2016. Os traballos teñen que implementar calquera linguaxe de programación, e ter publicado o software desenvolvido cunha licenza libre, tal e como se detalla nas bases do Premio.
O prazo de presentación de candidaturas remata o 2 de outubro de 2016, e a resolución xurado terá lugar durante o mes de outubro.
Os interesados en participar poden consultar toda a información necesaria na páxina do Premio do portal Mancomún, dirixirse á lista de correo do Premio, ou ben contactar coa nosa OSL.
Esta iniciativa enmárcase no Plan de Acción de Software Libre 2016 da Xunta de Galicia, dentro das liñas de actuación para mellorar e potenciar os mecanismos de formación e difusión do software de fontes abertas entre a cidadanía galega e en particular entre os estudantes universitarios.