O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela acaba de publicar os novos modelos para elaborar un Traballo de fin de grao (TFG), ou un Traballo de fin de mestrado (TFM), e que están dispoñibles para a súa descarga no servidor FTP da OSL.
Estes novos modelos, xorden dunha colaboración entre o Departamento de Normalización Lingüística da USC e a Oficina de Software Libre, co que se cumpre unha demanda dos estudantes que elaboran os seus traballos con LibreOffice Writer.
Ao mesmo tempo que se pode realizar a descarga dos ficheiros en formato modelo (OTT), é posible configurar na nosa instalación de LibreOffice un novo repositorio desde o cal acceder directamente ás versións actualizadas destes modelos.
* O seguinte manual foi elaborado nunha instalación de LibreOffice 4.2 sobre Ubuntu 12.04 SOXUG. Noutros sistemas, ou versións, os pasos serán moi semellantes:
- Abrimos o menú Ferramentas – Opcións – LibreOffice – Avanzadas, e activamos a caixa de verificación ‘Activar funcionalidades experimentais’
- A continuación, accedemos ao Xestor de modelos a través do menú Ficheiro – Modelos – Xestionar (ou ben co atallo de teclado CTRL+MAIUS+N).
- Desde o menú Repositorio – Novo repositorio configuramos o repositorio de modelos da OSL.
- A partir deste momento xa podemos acceder aos modelos do repositorio, e crear novos documentos baseados neles.