O próximo luns, 28 de abril, as universidades de Vigo e Santiago de Compostela acollerán dous obradoiros co título “Libera o teu traballo cunha licenza libre“.
O primeiro dos obradoiros, que terá lugar no Salón de Graos da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo, dará comezo ás 12:00 da mañá, e rematará ás 14:00 horas.
E o segundo, que comezará ás 18:30 da tarde, impartirase na Aula de Proxectos da Escola Técnica Superior de Enxeñaría da Universidade de Santiago de Compostela.
O programa dos obradoiros é o seguinte:
- Rafael Rodríguez Gaioso, fará unha introdución das licenzas máis usadas para liberar código, e cales son os motivos polos que un programador decide publicar o seu traballo cunha licenza libre. Presentará a edición 2014 do Premio ao mellor TFG con licenza libre.
- Pablo Belay é desenvolvedor e responsable da comunidade da aplicación GIS XeoPesca, que foi premiada con diferentes galardóns nos que destaca: Premio ao mellor PFC con licenza libre 2013 e os Premios de PortalProgramas nas categorías Maís revolucionario e Maior potencial de crecemento. Amosará os detalles da aplicación, e contará a súa experiencia na liberación da mesma.
Estas actividades están dirixidas aos estudantes en xeral, pero de xeito especial a aqueles que están a traballar no seu Traballo de Fin de Grao, e desexan coñecer o método para poder liberalo, ou ben poder participar na presente edición do Premio ao mellor TFG con licenza libre, que será convocada proximamente.
As persoas interesadas en participar nos obradoiros, deben realizar a inscrición a través desta mesma páxina, na sección de Xornadas.