Santiago, 16 de xullo de 2019.- A Oficina de Software Libre do Consorcio para o desenvolvemento de aplicacións para a Xestión Universitaria (CIXUG), coa colaboración da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), convoca a XII edición do Premio ao Mellor Proxecto Universitario con Licenza Libre co obxectivo de fomentar e achegar ás universitarias e universitarios galegos ao software libre e ás posibilidades de emprego que lles pode abrir a publicación ou colaboración con proxectos libres.
O premio está dotado con 2.250 euros, repartidos nun primeiro premio de 1.500€ e nun segundo de 750 euros, grazas á achega do propio CIXUG e do Grupo de programadores e usuarios de Linux (GPUL), respectivamente. Ambas entidades son patrocinadoras do premio no marco dos convenios de colaboración asinados coa Amtega para a realización de actividades de promoción do Software Libre en Galicia.
Requisitos e prazos
Pode optar ao premio calquera estudante do Sistema Universitario Galego que teña defendido o seu Proxecto de Fin de Carreira, Traballo de Fin de Grao ou Traballo de Fin de Mestrado cunha nota mínima de 5, nalgunha das convocatorias do ano académico 2018-2019. O prazo de presentación de candidaturas estará aberto ata o 30 de setembro.
Os requisitos que deben cumprir estes traballos son: ter sido realizados cunha implementación libre de calquera linguaxe de programación e ter publicado o software desenvolvido durante o proxecto cunha licenza libre entre as recoñecidas como tal pola Free Software Foundation ou a Open Source Initiative. Así mesmo, tamén poden participar proxectos que fagan uso de Hardware Libre.
Toda a información sobre como participar está dispoñible na páxina do premio dentro do portal mancomún (https://www.mancomun.gal/premiopfc/). Ademais, para calquera consulta pode contactarse coa organización do premio na Oficina de Software Libre do CIXUG, ou na Oficina de Coordinación de Software Libre da Amtega.
Plan de Software Libre da Xunta
Esta iniciativa enmárcase no Plan de Acción de Software Libre 2019 da Xunta de Galicia, dentro das liñas de actuación para mellorar e potenciar os mecanismos de formación e difusión do software de fontes abertas entre a cidadanía galega e en particular no estudantado universitario.
Con esta iniciativa, as universidades do SUG e a Xunta desexan continuar poñendo en valor o traballo que realizan as universitarias e universitarios galegos durante o seu Traballo Fin de Grao ou Mestrado, promovendo o emprego e difusión do Software Libre como ferramenta de achegamento ao mundo laboral.