O Centro de Linguas Modernas da Universidade de Santiago de Compostela e a Oficina de Software Libre do CIXUG, organizan conxuntamente a primeira edición do curso “Calc como xestor de avaliacións“, que se celebrará durante os días 25 e 26 de xuño na Facultade de Dereito da universidade compostelá.
O curso está dirixido aos técnicos superiores en linguas modernas do centro, xa que foron eles os que se interesaron por descubrir as posibilidades que lles ofrece unha ferramenta libre como Calc para a realización do seu traballo de avaliación.
O obxectivo principal do curso é que os técnicos do centro poidan coñecer o funcionamento dunha folla de cálculo en LibreOffice, sobre todo nas tarefas relacionadas coa xestión das avaliacións dos seus estudantes, e da obtención de datos resumidos dos mesmos, ou a importación dos resultados das probas desde o aplicativo Xescampus.
O temario do curso é o seguinte:
- Presentación de LibreOffice e o formato OpenDocument (ODF)
- Formatos de intercambio de datos (CSV)
- Introdución de datos nunha folla de cálculo. Ferramentas de completado automático.
- Referencias relativas e absolutas a celas
- Creación, edición e actualización de táboas dinámicas.
- Funcións condicionais e de obtención de datos das táboas dinámicas.