Os técnicos do concello de Zaragoza remataron o pasado mes de agosto a migración dos primeiros PC’s con AZLinux12, unha distribución GNU/Linux baseada en Ubuntu, que vén a substituír á versión anterior, AZLinux2, baseada en SUSE Linux. Eduardo Romero, responsable do proxecto de migración, destaca “a preferencia polo uso de software que dispoña de soporte a longo prazo”. [1]
O Concello de Zaragoza conta cun total 3200 PC’s, dos cales 800 xa están executando a distribución GNU/Linux. Deses 800, 80 xa dispoñen da nova versión, a AZLinux12. E os outros 720 seguirán os mesmos pasos durante os próximos meses. “Despois disto, comezaremos a migración co resto de equipos, que aínda están utilizando un sistema operativo privativo con 10 anos de antigüidade“.
“En Zaragoza utilizamos solucións abertas e libres sempre que podemos“, comenta Eduardo Romero. A cidade comezou coa instalación do navegador Firefox, o cliente de correo Thunderbird e o reprodutor VLC en tódolos postos. No 2007 engadiuse OpenOffice. E na actualidade xa está instalado nos 3200 equipos dos que dispón o Concello. Os empregados utilizan Gimp para editar as imaxes, Inkscape para a xeración de gráficos, PDFSam para a edición de documentos PDF, Brasero para gravar CD’s, Kdenlive para editar vídeo e Evince para visualizar os ficheiros PDF. “Se existe unha solución libre dispoñible, utilizámola”, di Eduardo.
Capacidade de intercambio
Os traballadores do Concello utilizan na meirande dos casos OpenOffice, aínda que fai pouco que comezaron a usar LibreOffice, ao estar integrada na distribución AZLinux12. Romero apunta que dende que utilizan o formato Open Document, non hai problemas de interoperabilidade entre os dous paquetes ofimáticos. Os problemas aparecen cando teñen que comunicarse con outros organismos que non dispoñen de soporte para ditos formatos, ante esta situación “Temos que recordarlle aos organismos externos a existencia dunha lei [2] que apoia e recomenda o uso de formatos abertos“, comenta Eduardo.
“Cando comezamos a utilizar OpenOffice eramos un dos poucos sitios onde se traballaba con esta ferramenta“, comenta Romero, “agora, hai moitas administracións públicas e empresas que están mudando, e ás cales podemos axudar nos primeiros pasos do cambio“.
A xestión dos sistemas
O departamento de TI fai uso de moitas outras solucións abertas, incluíndo software de autenticación (PAM_LDAP), xestión de certificados dixitais (FNMT) e solucións para o cambio automático dende os escritorios privativos (Win2Linux). “Non só utilizamos ferramentas dispoñibles para xestionar os nosos sistemas, senón que tamén desenvolvemos as nosas propias, como Migasfree, escrita en Python e que utiliza o servidor web Apache“.
Migasfree [3] é a ferramenta por defecto para distribuír o software a través dos diferentes departamentos e oficinas. Permite a xestión do hardware dos equipos, e garda a configuración dos mesmos. Esta ferramenta está dispoñible como código aberto a través de Github [4].
Libre e flexible
Debido á flexibilidade que lles aportan as solucións libres, sempre atopan unha solución técnica ás súas necesidades. “Por exemplo, adaptamos a autenticación PAM_LDAP ao noso servizo de directorio, e tamén para permitir o traballo con outras administracións públicas, polo que podemos utilizar a identificación a través de tarxetas intelixentes. Tamén dispoñemos dun conxunto de “scripts” para a migración automática dende sistemas privativos cara AZLinux12“, comenta Romero.
Fonte: http://is.gd/bOZosb
[1] http://www.slideshare.net/eduromo/azlinuxwindows2linux-en-redes
[2] http://operaciones.cenatic.es/comunidad-legal/articulos/varios/comentarios-sobre-el-real-decreto-42010
[3] http://www.migasfree.org/
[4] https://github.com/agacias/migasfree