O servidor de réplicas da Oficina de software libre acaba de se converter no primeiro «mirror» de VideoLAN en España. Debido ao alto número de usuarios que descargan aplicativos tan coñecidos como VLC, foilles remitida unha solicitude para que o noso servidor puidese almacenar unha copia destes ficheiros para os usuarios españois.
A partir deste momento, calquera usuario que desexe realizar unha descarga desde o noso país dalgún dos aplicativos desenvolvidos por VideoLAN, será encamiñado cara ó servidor FTP xestionado pola OSL.
A maiores do seu proxecto máis coñecido e utilizado, o reprodutor de son e vídeo VLC, os voluntarios de VideoLAN, tamén lle ofrecen á comunidade outros proxectos, como DVBlast, VLMC, multicat, ou bibliotecas coma libdvdcss, libbluray, ou bitTStream. Todos eles, están publicados cunha licenza GPL.
O proxecto comezou como un traballo dun estudante francés da École Centrale Paris no ano 1996. Despois dunha revisión completa no 1998, presentouse en público finalmente no 2001. Agora mesmo, xa é un proxecto que conta coa participación de voluntarios de máis de 20 países, e está xestionado pola organización sen ánimo de lucro, VideoLAN.