A Oficina de Software Libre acaba de abrir a convocatoria de dous cursos de RCommander destinados ao persoal docente e investigador (PDI) das Universidades da Coruña e de Vigo. Nas próximas semanas, publicarase a convocatoria para o persoal da Universidade de Santiago de Compostela.
O curso, que xa está publicado no web do CUFIE, para o persoal da UDC, e en Bubela para os de Vigo, comezará o próximo día 2 de xuño e rematará o día 27 do mesmo mes. A duración estimada será de 10 horas a través do campus virtual do CIXUG, durante a cal os asistentes poderán coñecer os conceptos básicos para traballar co software estatístico R, a través da súa interface de usuario, RCommander.
O encargado de resolver as dúbidas dos participantes, e realizar o seguimento das actividades, será Miguel A. Rodríguez, creador dos contidos do curso e experto en R, ademais de colaborador habitual coa comunidade galega de software libre.
O programa do curso é o seguinte:
- Tema 1. Comezando con R
- Tema 2. Instalación
- Tema 3. Instalación de paquetes
- Instalación de paquetes RCommander
- Tema 4. Uso de RCommander
- Menús de RCommander
- Tema 5. Manexo de datos
- Recodificar variables
- Recodificar e filtrar variables
- Tema 6. Creación de gráficos
- Tema 7. Estatística descritiva
- Tema 8. Distribucións de probabilidade
- Tema 9. Inferencia
- Intervalos de confianza
- Tema 10. Regresión lineal simple
- Diagnósticos numéricos
- Tema 11. Engadidos no RCommander
Os temas conteñen unha parte teórica, na que se detallan os procedementos para traballar coas diferentes opcións de Rcommander. Ao final de cada tema hai unha proba de avaliación e, ao remate do curso, unha proba final. A plataforma mide o tempo de conexión de cada participante -criterio que será tido en conta á hora da cualificación final-.
O curso está dispoñible para convidados no campus virtual do CIXUG, de tal xeito que calquera persoa interesada en acceder aos contidos pode facelo libremente e de balde.
Esta actividade forma parte das actividades que o CIXUG realiza ao abeiro do convenio de colaboración asinado coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), e incluídas no Plan de Acción de Software Libre 2014 da Xunta de Galicia.