Desde o CNTG, veñen de informar da súa nova oferta de actividades formativas para o curso 2015/2016. Dita oferta está formada por 52 cursos, con preto de 900 prazas, e máis de 3.000 horas de formación en diferentes ferramentas do sector tecnolóxico.
Tódolos cursos serán impartidos por docentes certificados e cun perfil técnico naquelas metodoloxías e ferramentas con alta demanda laboral das Tecnoloxías da Información, e que será un bo xeito de mellorar o currículo dos estudantes que acaban de rematar os seus estudos universitarios.
Este ano incorpóranse novas tecnoloxías, produtos e perfís profesionais, por exemplo: EMC2, Scrum Alliance, OpenESB, Lean Kanban con Scrum Manager, Node.js, Angular.js, depregue de fibra óptica, Python para administradores de sistemas, Red Hat, etc.
O Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia
O Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG) organízase como un centro con xestión e dirección pública encadrado na estrutura orgánica da Dirección Xeral de Emprego e Formación da Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia.
O seu obxectivo primordial é contribuír na formación, dende a propia Galicia, dun colectivo profesional dinámico e tecnicamente preparado que saiba dar resposta ás necesidades, retos e proxectos dos diversos sectores do tecido produtivo da nosa comunidade relacionados coas novas tecnoloxías e a sociedade da información.