Rcmdr
R proporciona un sistema poderoso e completo para analizar datos e cando se utiliza xunto co R-commander (interface de usuario gráfica, comunmente coñecida como Rcmdr) tamén proporciona un medio fácil e intuitivo para o usuario.
Basicamente, R proporciona o motor que realiza as análises e Rcmdr proporciona o máis práctico para que os usuarios introduzan ordes. O Rcmdr permítelles aos analistas ter acceso a unha selección das ordes comunmente utilizadas mediante unha interface que debería ser familiar para a maior parte dos usuarios de computador. Serve tamén de axuda importante para practicar ordes de R e desenvolver o seu coñecemento o seu coñecemento e mestría na utilización da liña de ordes — que é unha habelencia importante — para os que desexan explotar a fondo o poder do programa.
A OSL ademais de proporcionar formación sobre o manexo de R afrontou a adaptación ao galego desta ferramenta co fin aumentar o escaso número de ferramentas de carácter científico (matemático) que están dispoñíbeis en galego, lingua oficial das universidades de Galicia. Desta maneira a OSL súmase tamén á celebración do Día da Ciencia en galego.
Esta tradución de alta esixencia técnica contén 6366 palabras en 1433 cadeas que suman a última versión e que neste momento xa están integradas oficialmente no proxecto do Rcmdr. A terminoloxía utilizada, a falta de mellores recursos académicos en galego seguiu o criterio de harmonización co International Statistical Institute e atendeu á corrección de especialistas do campo.
Ademais da tradución xerouse a correspondente memoria de tradución que está dispoñíbel de modo libre para reutilización por parte de calquera persoal ou entidade interesada. Neste sentido, xa temos constancia de que se integrará en BioStatFLOSS.
PSPP
É un software libre e multiplataforma para estatísticas enfocado especialmente para profesionais deste campo, científicos sociais e estudantes requiren unha análise cómoda para mostras de datos. É un programa moi estable e veterano que pertence á Free Software Foundation que, segundo os seus autores fornece unha alternativa directa a SPSS.
Así que aqueles familiarizados co aplicativo de IBM atoparán un ambiente coñecido pero con algunhas vantaxes a maiores como son inexistencia de paquetes de uso avanzado que hai que adquirir á parte porque todas as funcionalidades que PSPP pode manexar están xa incluídas no paquete.
PSPP para quen
non o coñeza é un aplicativo estable e fiable.
Pode realizar estatísticas descritivas, tests T, ANOVA, regresións lineais e loxísticas, análise de agrupación, tests non paramétricos, análises factoriais, etc. O código está deseñado para facer análises tan rápido como sexa posíbel, independentemente do tamaño dos datos de entrada. Pódese utilizar PSPP mediante a súa interface gráfica ou a máis tradicional sintaxe de ordes por consola.
A tradución técnica ao galego de PSPP na súa última versión 0.8.4 consistiu en 9895 palabras en 1885 cadeas seguindo o mesmo protocolo de harmonización terminolóxica e revisión por parte de especialistas. Da mesma maneira estará dispoñíbel e integrado no proxecto orixinal en breve para proporcionar o método máis cómodo e conveniente de utilización e tamén se confeccionou unha memoria de tradución en formato estándar TMX para que poida ser reutilizada por calquera persoa interesada.
Así que xunto co software xeral das follas de cálculo como Calc, software de econometría como Gretl agora dispoñemos en galego de ferramentas avanzadas para formación, investigación e análise matemática estatística, todas elas software libre e multiplataforma.