Na tarde do pasado venres, 22 de outubro, tivo lugar na Cidade da Cultura o acto de resolución da XIV edición do Premio ao mellor Proxecto Universitario con Licenza Libre convocado polo Consorcio CIXUG, e que conta coa colaboración da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA).
Un total de 4 candidaturas acadaron esta fase final, que foron avaliadas polo xurado a través das súas diferentes presentacións, e nas que se tiveron en conta aspectos tales como o correcto licenciamento dos traballos, así como o uso dunha metodoloxía propia, e que caracteriza especialmente aos traballos en aberto.
O primeiro premio foi obtido por Paloma Piot Pérez-Abadín, estudante do Máster Universitario en Enxeñaría Informática (MUEI) que presentou o traballo fin de máster co título «Profiling automático de usuarios para a detección precoz de trastornos mentais», no que desenvolve un sistema capaz de realizar un perfilado automático de usuarios cunha aplicabilidade na detección temprana de trastornos mentais . Este recoñecemento conleva unha dotación económica de 1.500 euros, que son aportados polo CIXUG ao abeiro do convenio de colaboración asinado coa AMTEGA.
Ademais, entregouse un segundo premio a Borja González Seoane, tamén estudante da Facultade de Informática da Universidade da Coruña, polo seu traballo de fin de grao «PyToxo: una herramienta Python para calcular tablas de penetrancia de modelos de epistasia de alto orden», que presenta unha nova implementación da libraría Toxo, a cal introducía unha aproximación matemática innovadora no estado da arte, pero que estaba desenvolvida para MATLAB. PyToxo liberase baixo unha licenza libre e fai uso de toda a potencia da linguaxe Python. Este segundo premio conta cunha dotación económica de 750 euros, que son achegados pola asociación GPUL, entidade colaboradora desta iniciativa e tamén enmarcado no convenio de colaboración asinado coa AMTEGA.
Finalistas
Os finalistas que alcanzaron a fase final da presente edición foron os seguintes:
Candidato/a |
Nome do traballo |
Paloma Piot Pérez-Abadín | Profiling automático de usuarios para a detección precoz de trastornos mentais |
Mauro Alberto de los Santos Nodar | Pasaporte dixital de vacinación COVID-19 baseado en Blockchain, con criptomoeda asociada a modo de incentivo e aplicación móbil para o seu uso |
Diego Trabazo Sardón | Galiasdoc: sistema para la extracción automática de información estructurada a partir de documentos con elementos de maquetación comunes |
Borja González Seoane | PyToxo: una herramienta Python para calcular tablas de penetrancia de modelos de epistasia de alto orden |
Xurado
O xurado estivo formado polas seguintes persoas:
* Mariano Cabrero Canosa - Universidade da Coruña
* José Varela Pet - Universidade de Santiago de Compostela
* Francisco Javier Rodríguez Martínez - Universidade de Vigo
* Bruno Cabado Lousa - GPUL
* Brais Arias Rio - Oficina Software Libre da Amtega
Premio ao mellor Proxecto Universitario con licenza libre
O CIXUG convoca este premio dentro das actividades incluídas dentro do convenio de colaboración coa AMTEGA, e no que se pretende a mellora dos mecanismos de formación e difusión do software libre no ecosistema universitario galego.
A colaboración de GPUL tamén forma parte das actividades realizadas ao abeiro do convenio de colaboración asinada coa Amtega para a promoción do software libre en Galicia.
Agradecemento
O CIXUG fai un agradecemento a todas as persoas participantes e colaboradoras para que este premio poida seguir promocionando a liberación dos traballos universitarios na nosa comunidade, e xa comezará en breve a difusión para a seguinte edición.