O próximo mércores, 14 de outubro, terá un lugar un acto de presentación do software estatístico R para estudantes da Escola de Doutoramento Internacional.
A presentación, que terá lugar na Aula Magna da Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela, dará comezo ás 10:00, para rematar ás 12:00 do mediodía. Está formada por dous bloques; un primeiro, a cargo de Rafael Rodríguez Gaioso, Coordinador da Oficina de Software Libre, no que se realizará unha breve presentación do software libre, e da licenza coa que se publica R; e un segundo, dirixido por Miguel A. Rodríguez Muíños, Consultor e formador en software libre, que fará unha presentación práctica de R, e do seu paquete de interface gráfica de usuario, RCommander.
A asistencia a esta charla é de libre acceso, e pode asistir calquera persoa interesada en coñecer o software estatístico R.
Estas actividade forma parte das actividades que o CIXUG realiza no marco do Convenio de colaboración asinado coa AMTEGA para a difusión do software libre e incluídas no Plan de Acción de Software Libre 2015 da Xunta de Galicia.