Na súa presentación o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, non deixou pasar a ocasión de salientar que todo o proxecto e a tecnoloxía asociada ao seu desenvolvemento inicialmente no Campus do Mar se fan seguindo os principios participativos e de compartición do coñecemento que son a base do software libre, o que lle permite á Universidade ser tecnolóxicamente independente:
«…e todo isto con moi poucos recursos. Todo este impacto cunha inversión (sic) do Campus do Mar …. (creo que está aquí o dato)…de 78700 euros… en software libre, sen dependencia de comprar nin de depender de ningunha tecnoloxía externa. Isto creo que é o que hai que destacar (sic)»
A Universidade de Vigo é membro do consorcio que desenvolve o sistema Opencast Matterhorn, no ámbito do que se desenvolve este innovador formato de clases bautizado como «gravación enriquecida» co obxectivo de apoiar os docentes e alumnos con novos avances tecnóxicos. Esta tecnoloxía que nace libre permite a gravación e publicación automatizada de clases docentes e constitúe unha ferramenta de proxección estratéxica internacional para a Universidade de Vigo xa que é a única universidade do consorcio que reúne a dobre potencialidade de proxectar esta tecnoloxía no ámbito español-falante e lusófono.
O proxecto leva un ano en fase piloto, con tres aulas e vinte profesores, que acadaron as 400 clases e máis de 60.000 descargas. Unha vez rematada a fase piloto, o servizo arranca con 10 aulas acondicionadas con pantalla, micrófonos e cámaras, que supoñen un investimento de 87.000 euros.
Vigo forma parte do consorcio internacional Opencast-Matterhorn (OC-MH) xunto con outras 12 universidades de EE.UU., Canadá e Europa entre as que se encontran Berkeley e Harvard. Entre elas, Vigo desenvolveu unha mellora na ferramenta de gravación denominada Galicaster, que se está utilizando en Ecuador, Uruguai, Cidade do Cabo e Mánchester. En España o sistema emprégao ademais da propia Universidade de Vigo, a Politécnica de Valencia e a Universidad de Málaga, ás que se unirá en breve a de Xirona.