A Oficina de software libre vén de anunciar que xa está dispoñible o curso “Análise estatística con RCommander“, ao cal pode accederse a través do Campus virtual do CIXUG, iniciando sesión coa conta do usuario convidado.
O curso está formado por 11 temas, que abarcan dende os pasos necesarios para instalar o paquete RCommander, ata a instalación de engadidos para aumentar as funcións, pasando por diferentes tarefas de tipo estatístico.
Os materiais contidos no curso foron realizados por Miguel Ángel Rodríguez Muíños, técnico informático na Consellería de Sanidade, é coordinador de proxectos de software libre relacionados con R, como EpiLinux ou BioStatFLOSS, tamén é membro fundador da comunidade “R Hispano”.
Os contidos do curso están dispoñibles no seu formato orixinal (eXeLearning), así como unha copia de respaldo en formato Moodle 2.0 do curso completo, que poden ser descargados dende o servidor FTP da OSL.
Os materiais son liberados baixo unha licenza Creative Commons BY-SA, polo que poden ser descargados, utilizados noutras instalacións de Moodle, copiados e modificados, coa única condición de que se respecte a autoría (BY), e que os cambios feitos sexan liberados baixo a mesma licenza (SA).