O Centro Demostrador TIC acollerá este venres, 23 de maio, o seminario “Creación, desenvolvemento e comercialización de produtos TIC en software libre“, e que se impartirá en horario de 12 a 14 horas. Este seminario forma parte das actividades de formación específica para persoal directivo que se están a impartir desde o pasado 8 de maio e ata o 6 de xuño nas instalacións do CDTIC.
O encargado de achegar esta formación aos asistentes será o enxeñeiro José María Casanova Crespo quen posúe unha dilatada experiencia neste ámbito, xa que é socio fundador de Igalia, consultora especializada en open source: consultor especializado en software libre e colaborador na Oficina de Coordinación de Software Libre da AMTEGA; docente na Facultade de Informática da Universidade da Coruña no ámbito das Metodoloxías de desenvolvemento; coordinador do Máster en Software Libre de Caixanova (Igalia-URJC), dende o ano 2007 ao ano 2009, e membro da GNOME Foundation e da asociación GPUL.
O programa do seminario é o seguinte:
- Software libre. Quen o usa para crear produtos TIC?
- Incorporar open source no meu produto:
- Receitas para non reinventar a roda
- Que fan as grandes empresas TIC?
- Como licenciar o meu produto
- Políticas de contribución a proxectos de software libre
- Software libre e modelos de negocio
Para inscribirse cómpre rexistrarse previamente como usuario do CDTIC.
Este seminario forma parte da oferta formativa en software libre no CDTIC dentro do Plan de Acción en materia de Software Libre 2014.