A primeira sesión do día 30, de 18 a 20 horas, terá como obxectivo que os asistentes poidan coñecer as características principais dos programas licenciados baixo unha licenza libre, e cales son as vantaxes que supón isto para a súa formación. Asemesmo, coñecerán as características máis importantes dun sistema operativo tipo GNU/Linux, e resolveranse todas aquelas preguntas que poidan ter sobre este tema.
A seguinte sesión, na mañá do día 31, de 10 a 12 horas será totalmente práctica e executaranse as instalacións e configuracións necesarias para que poidan utilizar a distribución Ubuntu so.xug nos seus equipos.
Para poder axilizar o taller do segundo día, recomendamos que os participantes no mesmo descarguen previamente a máquina virtual coa Ubuntu. Para poder utilizar esta máquina virtual é necesario ter instalado o programa VirtualBox, independentemente do sistema operativo que teña instalado o equipo (Linux, Mac ou Windows).
Todas estas actividades contarán co apoio técnico do persoal da Oficina de software libre.