Vreixo González Caneda resultou gañador do «Premio ao mellor PFC con licenza libre» que se fallou o pasado venres 17 de outubro na Cidade da Cultura, e que está dotado con 1.500 €.
Vreixo participaba na fase final co seu proxecto «Aplicativo de cálculo de rutas en transporte público con software libre». Este proxecto consistiu no desenvolvemento dunha APP para Android, que ofrece cálculo multimodal de rutas en distintos medios de transporte publico, así como a pé ou en bicicleta. Fai uso da infraestrutura libre OpenTripPlanner (OTP). Ademais despregouse un servidor para a rexión da Coruña-Ferrol que inclúe os datos de autobuses de ambas cidades, as respectivas redes de alugamento de bicicletas, así como os servizos de tren de interconexión.
O xurado decidiu conceder o accésit de 750 €, patrocinado pola asociación GPUL, a Iago Veloso Abalo, e o seu proxecto «Sistema de grabación automática da emisión en directo dunha emisora de radio comunitaria con Software Libre». Este proxecto desenvolve unha aplicación web que é a cara visible do sistema onde os oíntes atopan toda a información dunha emisora por internet para poder escoitar directamente os programas a través do seu navegador ou subscribirse a aqueles que sexan do seu interese. Pola outra cara, dispón dun programa gravador que se encarga de capturar o son, e publicar os contidos da emisora na web.
Desde a Oficina de Software Libre agradecemos a participación tanto ao resto de finalistas, como aos inscritos nesta edición do Premio, e agardamos que sigan axudando ao fomento das linguaxes de programación libres na realización dos proxectos de fin de carreira.