Un dos principais problemas que ten o software libre é que a xente descoñece a súa existencia e dos que si que o coñecen moitos non están ben informados. Algo que non se coñece non se pode usar ou si, pero non se sabe que se está usando como poden ser os usuarios que non saben o que é o software libre pero usan a diario aplicativos como o navegador Firefox, o cliente de correo Thunderbird, a suite de ofimática LibreOffice ou o descompresor de arquivos 7-zip.
Desde que se creou a OSLUG, o seu principal labor foi a difusión e vaino seguir sendo, complementándoo e colaborando co traballo que realizan outras entidades como poden ser as asociacións de software libre galegas. Entre as accións de difusión que a OSLUG levará a cabo ata final de ano destacan a celebración de xornadas e os puntos de información.
Celebración de xornadas
A OSLUG vai organizar durante o presente ano 2012 unha xornada específica sobre software libre en cadansúa universidade. As temáticas xirarán en volta de dous eixos, o da repercusión do software libre no ámbito profesional e empresarial, nos campus da Coruña e Santiago e unha sobre as metodoloxías e ferramentas de software libre a disposicion dos especialistas en tradución. En ambos casos buscarase a participación e colaboración doutras entidades como son as asociacións de galegas de usuarios e a de empresas de software libre (AGASOL).
- I Xornada de software libre na empresa na USC, o venres 21 de setembro.
- I Xornada de localización de software libre na Uvigo, na semana do 22 ao 26 de outubro.
- II Xornadas de software libre na empresa na UdC, o venres 23 de novembro.
Puntos de información
Os Puntos de Información nas Facultades (PIF) ou tamén chamada Oficina de Software Libre Móbil, coincide con dúas accións que as antigas OSL xa realizaban en anos anteriores, na USC e na UdC respectivamente. Na Uvigo existía unha actividade similar chamada Días máis que libres. Esta actividade, a diferencia das xornadas, é unha actividade de temática xeral sobre software libre, estándares abertos e licenzas libres. Consisten na montaxe dun mostrador nun centro da universidade, desde as 10 da mañá ata as 18 da tarde, no que se reparten trípticos informativos sobre varios temas relacionados co software libre, se asesora as persoas que se acheguen a preguntar e ata se lles pode axudar na instalación de software libre nos seus portátiles.
Universidade da Coruña:
- Mércores 10 de outubro, Facultade de Economía e Empresa (Campus da Coruña)
- Xoves 11 de outubro, Facultade de Humanidades e Documentación (Campus de Ferrol)
Universidade de Santiago:
- Luns 15 de outubro, Escola Politécnica (Campus de Lugo)
- Mércores 17 de outubro, Facultade de Dereito (Campus Vida)
Universidade de Vigo:
- Luns 29 de outubro, ETS de Enxeñeiros de Telecomuniacións (Campus de Vigo)
- Martes 30 de outubro, Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais (Campus de Ourense)
- Mércores 31 de outubro, Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación (Campus de Pontevedra)