Entre as moitas actividades que a OSLUG realizará e realizaron as súas homónimas en anos anteriores, está a difusión e implantación de software libre na comunidade universitaria. Pero unha vez que a xente vai coñecendo o software libre e ademais se vai instalando nos equipos de traballo, precisase formalos para que finalmente o usen no traballo diario.
A oferta formativa en software libre das universidades galegas é moi escasa, ás veces, inexistente. Para paliar esta carencia a OSLUG propondrá unha serie cursos aos responsables dos programas de formación das universidades e se estes os consideran oportunos impartirá os cursos nas tres universidades co seu persoal. Como os recursos e o tempo dispoñíble para dar os cursos son escasos, tamén se elaborarán unha serie de materiais formativos en software libre que servirán de apoio aos membros das tres universidades.
Oferta de cursos
No convenio deste ano decidiuse focalizar a oferta de cursos no colectivo do Persoal de Administración e Servizos (PAS) das tres universidades. A formación que propuxo a OSLUG foi de catro cursos en cada universidade, dous presenciais e dous de teleformación. Se os responsábeis dos programas de formación de PAS aceptan a proposta realizaríanse 12 cursos en total.
En cada universidade realizaríase un curso presencial de:
- Primeiros pasos coa distribución de GNU/Linux das universidades galegas
- LibreOffice Writer, unha alternativa libre a Word
E tamén se realizará un curso de teleformación de:
- LibreOffice Writer, unha alternativa libre a Word
- LibreOffice Impress, unha alternativa libre a PowerPoint
Segundo se vaian aprobando os cursos en cada unha das universidades, publicarase unha nova no sitio web da OSL do CIXUG e no portal de Mancomun coas datas e lugar de celebración.
Materiais formativos
Desde a OSLUG vanse realizar tres manuais para complementar a oferta formativa e que sirvan de axuda e referencia tanto ao persoal que asista aos cursos como a aquel que non poida asistir para migrar cara a aplicativos libres no traballo diario ou no tempo de lecer.
- Introdución á Ubuntu
- Introdución ao procesador de textos Writer
- Introdución ás presentacións con Impress
A maiores, tamén se van realizar tres cursos en formato SCORM para realizar cursos baseados en software libre en liña a través da plataforma Moodle do CIXUG e que os responsábeis dos programas de formación de cada universidade poden reutilizar para incorporalos na súa oferta formativa de teleformación.
- Introdución ao uso de Moodle polo profesor
- Introdución ao procesador de textos Writer
- Introdución ás presentacións con Impress