Este próximo xoves, 14 de novembro, a Oficina de software libre do consorcio de universidades galegas, estará presente coa súa Oficina móbil na Escola Técnica Superior de Enxeñaría (ETSE) da Universidade de Santiago de Compostela.
A partir das 9 da mañá, estaremos presentes no Andar -1 (xunto á cafetería) da escola coa intención de presentar o noso traballo, e os servizos que a OSL ten a disposición do alumnado da escola, e da USC en xeral.
No posto de información teremos varios portátiles equipados coa distribución SO.XUG para que os interesados poidan coñecer os detalles da mesma, avaliar as posibilidades de uso no seu traballo diario e amosar as vantaxes que ofrece ante outros sistemas operativos. Asimesmo, tamén é obxectivo da Oficina móbil amosar aos estudantes tódalas oportunidades de traballo que atoparán en torno ao software libre, tratando de eliminar a idea estendida de que no código aberto non hai negocio nin traballo.
Aproveitaremos a ocasión para presentar o Premio ao mellor PFC con licenza libre, aclarando todas aquelas consultas que poidan ter os/as alumnos/as interesados/as neste premio, e que deste xeito poidan ir adaptando os seus proxectos para a próxima convocatoria do premio.
A Oficina móbil da OSL pretende acercar o software libre aos alumnos de diferentes centros das universidades galegas. Despois desta primeira visita á Universidade de Santiago de Compostela, nas próximas semanas desprazaráse ao resto de campus do mapa universitario galego.
A oficina móbil forma parte das actividades que a OSL do CIXUG se comprometeu a realizar ao abeiro do Convenio de Colaboración asinado coa AMTEGA e que están incluídas no Plan de Acción de Software Libre 2013 da Xunta de Galicia.