Oficina de
software libre

Por

LibreOffice 4.3: hoxe por hoxe, non obterá mellor suite ofimática

  • Mellor interoperabilidade OOXML e compatibilidade do formato de ficheiro Mac

  • Mellor xestión dos comentarios e un manexo da folla de cálculo altamente intuitivo

  • Modelos 3D en Impress, e aparencia de aplicación nativa de MacOS X

Berlin, 28 xullo, 2014 – A Document Foundation anuncia LibreOffice 4.3, a 8ª edición maior da suite de ofimática libre desde o nacemento do proxecto en setembro de 2010. O aplicativo inclúe o esforzo combinado de milleiros de voluntarios e centos de desenvolvedores co que ten acadado un punto de madurez que a fai adecuada para calquera tipo de desenvolvemento, especialmente no caso de ser apoiada mediante servizos de valor engadido do crecente ecosistema da LibreOffice.

LibreOffice 4.3 ofrece un longo número de melloras e novas funcionalidades, que inclúe:

  • Interoperabilidade de documentos: compatibilidade con OOXML Strict, melloras nas imaxes OOXML (DrawingML, tipos de letras, preservación de estilos de debuxo e atributos), incorporación de ficheiros OOXML dentro doutro ficheiro OOXML, compatibilidade con 30 novas fórmulas do Excel, compatibilidade con folla de cálculo de MS Works e bases de datos e formatos herdados de Mac como os de ClarisWorks, ClarisResolve, MacWorks, SuperPaint e outros.

  • Xestión de comentarios: os comentarios agora poden imprimirse na marxe do documento, formatados de mellor maneira e importados e exportados – o que inclúe o aniñamento de comentarios- en O ODF, DOC, OOXML e documentos RTF documents, para un reforzamento da produtividade e dunha mellor colaboración.

  • Manexo intuitivo da folla de cálculo: Calc permite agora a realización de varias tarefas máis intuitivamente, grazas ao realce automático intelixente de fórmulas nas celas, a presentación do número das filas seleccionadas e das columnas na barra de estado, a capacidade de iniciar a edición dunha cela co contido da súa cela superior e de poder seleccionar os modelos de conversión completa de texto por parte do usuario.

  • Modelos 3D en Impress: a compatibilidade dos modelos 3D animados no novo formato glTF e un avance de comptibilidade para ficheiros Collada e kmz que se atopan na Google Warehouse, para engadir un fresco aspecto novidoso e animacións ás presentacións (a compatibilidade desta funcionalidade está actualmente dispoñíble soamente nas versións de Windows e Linux).

LibreOffice 4.3 tamén admite parágrafos «monstro» que exceden os 65,000 caracteres (un exemplo dun erro con máis de 11 anos, resolto grazas á modernización do código fontes de OOo, que é unha función exclusiva de LibreOffice). Ademais, a tecnoloxía de accesibilidade sobre Windows converteuse nunha característica estándar, grazas ás melloras baseadas no marco de traballo IAccessible2 de IBM.

A lista completa de novas funcionalidades e melloras de LibreOffice 4.3 está aquí:

En galego grazas a Xosé: https://wiki.documentfoundation.org/ReleaseNotes/4.3/gl

Orixinal en inglés: https://wiki.documentfoundation.org/ReleaseNotes/4.3.

O proxecto LibreOffice amosa que unha gran comunidade de software libre pode vivir e conducirse sen o patroneado dun vendedor de software, para liberar PC de escritorio”, di Thorsten Behrens, Secretario da Document Foundation. “Hoxe non podes conseguir unha suite ofimática ca LibreOffice en termos de funcionalidades, interoperabilidade, compatibilidade con estándares de documentos e independencia. Despois de moitos anos, LibreOffice trae de volta o control do PC de escritorio nas mans dos usuarios”.

Segundo o servizo Coverity Scan, ao que se uniu LibreOffice en outubro de 2012, a calidade do código fonte de LibreOffice mellorou espectacularmente durante os últimos dous anos, cunha redución da densidade de defectos por cada 1.000 liñas de código dunha media de 1,11 a un nivel no máis alto da industria do 0,13 (para máis información: http://softwareintegrity.coverity.com/register-for-libreoffice-scan-report.html).

As persoas interesadas nos detalles técnicos sobre esta versión poden acceder ao rexistro de cambios aquí: https://wiki.documentfoundation.org/Releases/4.3.0/RC1(arranxados na RC1), aquí: https://wiki.documentfoundation.org/Releases/4.3.0/RC2(arranxados na RC2) e aquí: https://wiki.documentfoundation.org/Releases/4.3.0/RC3(arranxados na RC3).

Descargar LibreOffice

En galego  http://gl.libreoffice.org/descarga/

LibreOffice 4.3 e LibreOffice 4.2.6 están dispoñíbeis para descarga desde a seguinte ligazón: http://www.libreoffice.org/download/. As extensións e modelos para complementar a instalación do software engadindo funcionalidades específicas pode atoparse aquí: http://extensions.libreoffice.org/.

Os usuarios de LibreOffice, avogados de software libre e membros da comunidade poden apoiar á Document Foundation cunha doazón en http://donate.libreoffice.org. O diñeiro recollido usarase para mellorar o proxecto tanto a nivel global como local.

Sobre a Document Foundation (TDF)

A Document Foundation é unha organización independente, autogobernada e meritocrática baseada na ética do software libre e inscrita na Alemaña como entidade sen ánimo de lucro. TDF céntrase no desenvolvemento de LibreOffice – a mellor suite ofimática de todos os tempos – escollida pola comunidade global como herdeira lexítima de OOo, e como tal adoptada por un crecente número de administracións, empresas e SMB para produtividade de escritorio.

TDF está accesible a individuos e organizacións que concordan cos seus valores fundamentais e contribúe ás súas actividades. A finais de xaneiro de 2013, a fundación ten 204 membros e máis de 3000 colaboradores voluntarios en todo o mundo.

Contactos coa prensa: https://www.documentfoundation.org/contact/.

Por

A USC presenta os Premios á calidade lingüística para traballos académicos

Co fin de promover a mellora de habilidades complementarias á formación dos universitarios, as comisións de normalización lingüística da USC crearon a iniciativa de premiar a calidade lingüística en traballos académicos realizados en lingua galega. Nesta iniciativa valóranse os aspectos lingüísticos como a corrección ou riqueza da redacción, estrutura da información, coherencia, etc. e tamén os formais e comunicativos que supoñan un dominio de ferramentas TIC e do criterio autónomo.

O concurso acada no curso 2013-2014 a súa IX edición e premia os mellores traballos académicos de curso, de fin de grao (TFG) ou proxectos de fin de carreira (PFC), así como traballos de fin de mestrado (TFM) escritos en galego. Os Premios á calidade lingüística contan co apoio económico da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.

Poden presentarse os estudantes de todas as titulacións de grao ou de 1º ou 2º ciclo da USC durante o curso 2013-2014, que elaboren e defendan ou seu traballo de fin de grao ou proxecto de fin de carreira en lingua galega durante o ano 2014, e que obteñan cando menos a cualificación de APROBADO.

 

Toda a información no web do SNL da USC

Por

Doazón de equipos con software libre para o cárcere de Teixeiro

IMG_20140623_132039_1A Oficina de Software Libre está a colaborar coa Universidade de Santiago na configuración e instalación de software libre en cinco equipos que serán doados ao cárcere de Teixeiro. Os equipos informáticos serán instalados na Aula UNED do centro penitenciario, para seren utilizados polos internos que estean matriculados na universidade a distancia.

O traballo levado a cabo pola OSL foi de asesoramento na preparación dos equipos, incluídas as tarefas de borrado da información nos discos duros, traballo que se fixo empregando o software Darik’s Boot and Nuke, utilizado tamén polos compañeiros do GRUVI da Universidade de Vigo. Tamén se fixeron probas con diferentes distribucións de GNU/Linux, pero debido ás características hardware dos equipos, Pentium 4 con 512 Mb de RAM, a que acadou mellores resultados foi a distribución Minino Ártabros 2.0, mantida pola asociación Galpon.

A maiores do software incluído na distribución, instalouse o software estatístico R, xunto co paquete RCommander para facilitar o manexo de dita ferramenta a través dunha interface de usuario.

IMG_20140623_131031_1Debido a que nos centros penitenciarios non existe conexión a internet para uso dos internos, nas próximas semanas levaranse a cabo os traballos necesarios para instalar unha rede local na Aula UNED, e configurar un servidor cunha copia de Moodle cos cursos que ten liberados a OSL, e así os internos poderán acceder aos contidos dos cursos na aula, entre os que se atopa o de Análise estatística con RCommander.

Por

O Centro de Linguas Modernas organiza un curso de LibreOffice Calc

cabeceira curso calc 2013O Centro de Linguas Modernas da Universidade de Santiago de Compostela e a Oficina de Software Libre do CIXUG, organizan conxuntamente a primeira edición do curso “Calc como xestor de avaliacións“, que se celebrará durante os días 25 e 26 de xuño na Facultade de Dereito da universidade compostelá.

O curso está dirixido aos técnicos superiores en linguas modernas do centro, xa que foron eles os que se interesaron por descubrir as posibilidades que lles ofrece unha ferramenta libre como Calc para a realización do seu traballo de avaliación.

O obxectivo principal do curso é que os técnicos do centro poidan coñecer o funcionamento dunha folla de cálculo en LibreOffice, sobre todo nas tarefas relacionadas coa xestión das avaliacións dos seus estudantes, e da obtención de datos resumidos dos mesmos, ou a importación dos resultados das probas desde o aplicativo Xescampus.

O temario do curso é o seguinte:

  • Presentación de LibreOffice e o formato OpenDocument (ODF)
  • Formatos de intercambio de datos (CSV)
  • Introdución de datos nunha folla de cálculo. Ferramentas de completado automático.
  • Referencias relativas e absolutas a celas
  • Creación, edición e actualización de táboas dinámicas.
  • Funcións condicionais e de obtención de datos das táboas dinámicas.

Por

A Escola de Doutoramento Internacional organiza un seminario de GNU/Linux

portadaOs estudantes de doutoramento da Universidade de Santiago de Compostela son os destinatarios do seminario “Libera o teu ordenador“, impartido pola Oficina de Software Libre do CIXUG durante os días 18, 19 e 20 de xuño. Cada unha das sesións terá unha duración de 3 horas, e impartiranse na Aula 1 da Facultade de Dereito.

O seminario, que está organizado en colaboración coa Escola de Doutoramento Internancional, vai ser dirixido por Rafael Rodríguez, Coordinador da OSL. Os participantes do seminario poderán coñecer os conceptos máis importantes para entender o movemento do software libre, así como dar resposta a tódalas dúbidas que poidan ter acerca da liberación dos seus traballos.

A segunda parte do seminario consistirá nun taller práctico, onde os estudantes poderán instalar unha distribución do sistema operativo libre GNU/Linux nos seus equipos.

A matrícula é de balde, e debe realizarse a través da secretaría virtual da USC.


Os contidos deste sitio son propiedade de CIXUG - Oficina de Software Libre, e son compartidos baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento-CompartirIgual.