GNOME 3.14 continúa o traballo das publicacións anteriores na busca da homoxeneización da interface de usuario de tódolos seus aplicativos. Estes cambios fan de GNOME un escritorio máis integrado e coherente no seu conxunto, facendo o seu uso máis doado e intuitivo. Os detalles visuais e tema foron revisados, engadíronse novas animacións no escritorio para mellorar a experiencia de usuario. En conxunto, todos estes cambios fan de GNOME 3 un escritorio aínda mellor.
O Proxecto galego de GNOME, coordinado por Fran Diéguez, tráenolo completamente traducido ao galego. Esta nova publicación vén cargada de novidades no software e tamén dun gran traballo de tradución, xa que se mantén o nivel de tradución da interface no 100%. Por certo, que se solicitan máis tradutores para poder avanzar na tradución da Axuda.
Como obter o último GNOME
O código fonte de GNOME 3.14 está dispoñíbel gratuitamente para descargar e redistribuír, aínda que para a maioría de usuarios é aconsellábel agardar ata que GNOME 3.14 estea dispoñíbel a través da súa distribución GNU/Linux ou dos seus fornecedores. Con todo, na web do proxecto é posible consultar a información sobre como obter GNOME para probalo.