O equipo de desenvolvemento de BioStatFLOSS ven de anunciar o lanzamento da última versión deste conxunto de aplicativos.
Entre as novidades da versión 1.4, podemos destacar a actualización dos programas incluídos ás súas últimas versións, e a substitución de FreeMat por gretl, xa que todo parece indicar que dispón dun maior número de usuarios potenciais.
BioStatFLOSS é un recopilatorio de software portable (non precisa de ser instalado no equipo) que funciona baixo o sistema operativo Windows, e na que se inclúe: R 3.0.2, RStudio 0.97.551 e RCommander 2.0-3, e unha colección preinstalada de paquetes. Ademais tamén inclúe software xenérico, como Firefox ou LibreOffice, e específico para epidemioloxía (OpenEpi, Epidat, …), ou para bioestatística (Scilab, Octave, SofaStats,…).
O método de instalación é moi sinxelo. Unha vez descargado o ficheiro ZIP dende o servidor FTP do CIXUG, hai que descomprimilo directamente no disco duro, ou nunha memoria USB. Para comezar a traballar é necesario executar o lanzador BioStatFLOSS.exe, que cargará o entorno dende o cal podemos acceder aos diferentes programas.