Os compañeiros do GRUVI (Grupo de Reciclaxe Informática da Universidade de Vigo) inician unha nova campaña de recollida de equipos de Universidade de Vigo ata o 29 de novembro para darlles unha segunda vida na sociedade grazas ao software libre. Os voluntarios do GRUVI nacen no curso 2005-6 como «grupo específico de voluntariado» dentro da OSIX da UVigo, coa coloaboración da Asociación Galpón e da propia Universidade.
Este pequeno grupo de voluntarios e amantes do hardware clásico, comprometidos coa reciclaxe e a conservación dos recursos ten como obxectivos contribuír a pechar a chamada «fenda dixital» retirando o lixo tecnolóxico altamente contaminante do circuíto do resto dos refugallos ordinarios para darlles un tratamento útil para a economía social. É dicir, recollen o que a Universidade tiraría xa por obsoleto.
Que fan con eles?
Como artesáns do soporte físico estudan as necesidades de potencia e os usos que necesitan cubrir as entidades adxudicatarias, salvando os pequenos fallos ou carencias que non afectan a esas necesidades. Así que tras a recollida efectúan unha completa limpeza e finalmente reparan, axustan e configuran os equipos cunha distribución Linux especialmente deseñada, GALPon MiniNo, para sacarlles o máximo rendemento.
Unha vez preparados os equipos clasifícanse para distintos usos e adáptanse ás solicitudes dos posibles receptores que o soliciten pero ademais, as entidades adxudicatarias destes «novos» equipamentos reciben un pequeno curso de formación sobre o manexo do novo sistema operativo instalado nos equipos.
Como obter un equipo reciclado?
A doazón articúlase a través dunha convocatoria que se atopa aberta ata o vindeiro 29 de novembro, de modo que as entidades interesadas deben presentar as súas solicitudes, especificando as necesidades respecto ao material informático, nos rexistros dos tres campus.
Na pasada edición un total de 22 entidades recibiron o seu equipo, entre elas asociacións de veciños, xuvenís, ampas, asociacións universitarias ou entidades como a Asociación Galega contra as enfermidades neuromusculares, Cáritas, a asociación Aspanaex en favor das persoas con discapacidade intelectual da provincia de Pontevedra, a Iniciativa Social Berce, a asociación feminista Nós Mesmas, a asociación Faraxa pola abolición da prostitución ou a Asociación de Pais de Persoas con Trastorno do Espectro Autista de Centros de Apoio Familiar.
Poden solicitar a doazón deste material asociación e entidades sen ánimo de lucro, sempre que teñan a súa sé nas provincias de Pontevedra ou Ourense. A comisión creada para avaliar as solicitudes valorará varios aspecto á hora de elixir aos destinatarios, como o número de beneficiarios da asociación, a súa experiencia no desenvolvemento de actuacións semellantes ou interese social do seu proxecto.
http://webs.uvigo.es/gruvi/index.php/solicitudes
Contactar co GRUVI?
GRUVI é o proxecto de voluntariado da UVIGO que recupera equipos informáticos para doalos con software libre a entidades sociais sen ánimo de lucro da contorna (asociacións, fundacións, ONG, etc.). É unha iniciativa coordinada pola OSIX (Oficina de Servizos Integrados á Xuventude) dependente da Vicerreitoría de Extensión Cultural e Estudantes.