Debido á situación derivada da COVID-19, para poder garantir a seguridade de todas as persoas que realizan o Curso de Introdución á Orientación Laboral Aberta, ao tempo que se evitan posibles incidencias no ámbito docente que impidan o seu normal desenvolvemento, nesta edición o curso celebrarase en modalidade 100% en liña.
Deste xeito, as sesións presenciais que se viñan realizando no curso serán substituídas por seminarios web en directo, de obrigada asistencia e que terán lugar no mesmo horario no que se viñan desenvolvendo nas anteriores edicións as sesións presenciais: os venres de 16:00 h a 20:30 h e os sábados de 9:30 h. a 14:00 h. De xeito complementario, continuarán a desenvolverse as actividades de teleformación a través da aula virtual do CIXUG.
Isto implica, máis que nunca, a importancia de atender aos requisitos técnicos especificados para o seguimento do curso que se detallan neste apartado.
Sempre que a situación epidemiolóxica e as recomendacións sanitarias o permitan, procurarase fomentar entre as persoas participantes sesións voluntarias de networking presencial (ben durante o curso ou con posterioridade a este), para favorecer o coñecemento persoal entre as persoas que forman parte do curso e procurar así outro dos grandes obxectivos desta formación, que é a xeración de contactos para o traballo en rede.