O vindeiro 10 de outubro terá lugar a I Xornada Usuarios R en Galicia, evento organizado por MeLiSA, e que dará comezo ás 10 da mañá no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (Santiago de Compostela).
A I Xornada de Usuarios R en Galicia nace co obxectivo de xuntar a toda a comunidade de usuarios de R nun mesmo foro en Santiago de Compostela, e coa intención de por en común as experiencias e os traballos que se están a realizar na nosa comunidade autónoma e, deste xeito, ter unha visión global das oportunidades e os campos de acción desta ferramenta e interactuar persoalmente cos profesionais que están a utilizala.
A I Xornada de Usuarios R en Galicia conta coa participación de importantes profesionais do sector da saúde, universitario, investigador e empresarial que son referencia en Galicia no uso deste software, e está aberta a que calquera persoa interesada en coñecer R poida asistir e participar na mesma.
Esta xornada está organizada por MeLiSA (Asociación de Usuarios e Software Libre de Terra de Melide) dentro das actividades integradas no convenio asinado coa AMTEGA, e conta coa colaboración do CNTG, a OSL do CIXUG, e a Xunta de Galicia.
Que é R?
R é un software, multiplataforma, orixinariamente deseñado para a análise estatística e a realización de gráficos que, nestres intres, estase a utilizar en numerosos campos relacionados, dun ou doutro xeito, coa estatística (xenómica, biomedicina, econometría, big data, bioloxía, …). R ten unha dobre natureza de programa e de linguaxe de programación e distribúese baixo licenza GNU-GPL.
Existen numerosos grupos de traballo que están a realizar a súa actividade profesional con R: investigadores, formadores, estatísticos,… R está considerado actualmente a lingua franca do analista de datos. Seu uso e desenvolvemento é mundial e global, a través da colaboración de universidades como Harvard ou Yale e empresas tan importantes como Google ou Bank of America.
A asistencia á xornada é totalmente de balde, pero é preciso inscribirse.