Localización
Que o software sexa libre ou de fontes abertas non abonda para que o poidamos considerar accesible ou apropiado para os seus usuarios. Necesítase ademais a adaptación cultural e lingüística ao usuario local, o que chamamos “localización de software” e que se simplifica comunmente como tradución. Neste sentido, a importancia da adaptación lingüística e do acceso á tecnoloxía por parte de persoas e colectivos que teñen unha cultura particular recoñecida como a galega non se lle escapa a ninguén (ver artigo da UNESCO).
Por esa razón no ámbito da educación superior, as tres universidades galegas (UDC, USC e UVI) teñen como lingua oficial de traballo a lingua propia de Galicia, como elemento primordial do patrimonio cultural intanxible galego e as tres teñen áreas, equipos, proxectos de lingua e tecnoloxía, tamén en íntima conexión con obxectivos docentes ao respecto¹.
A OSLUG do CIXUG concorda con esta visión global desde a perspectiva tecnolóxica e está aliñada cos obxectivos sobre responsabilidade cultural e promoción da liberdade desde o seu particular ámbito de actuación, a promoción xeral da liberdade que se concreta nas catro liberdades do software que se deba considerar libre: a de usalo, estudalo, redistribuílo e melloralo.
Actuación
Para este ano 2012, a OSL levará a cabo a localización da plataforma libre de formación Moodle que se usará nas tres universidades para as actividades de formación.
Actualmente non existe unha tradución das versións máis actuais o que supón un impedimento para a súa utilización desde o respecto aos propios estatutos universitarios. Tamén se emprega este software no sistema da Educación secundaria obrigatoria de Galicia, nas Administracións públicas que forman telematicamente o seu persoal e por empresas galegas que realizan formación on line de forma independente. Por tanto, resulta altamente recomendable acometer a súa adaptación lingüística completa e con garantías de calidade.
Con todo, e dado o estado actual do proxecto e o volume de traballo (140.000 palabras) en relación co tempo dispoñíble neste ano, contarase con apoio parcial externo e agardamos que mesmo coa colaboración da comunidade galega de software libre, quen mellor pode encargarse a longo prazo da sostibilidade da tradución.
Nesta liña de colaboración coa comunidade galega de software libre, a OSLUG tamén dedicará parcialmente as súas enerxías a colaborar no esforzo para o mantemento das traducións ao galego do software máis popular da Fundación Mozilla e a suite ofimática LibreOffice, que a OSL utilizará nas súas actividades de formación e difusión e que actualmente contan cun equipo de voluntariado moi escaso.
A colaboración coa comunidade de localización estenderase aínda ao compartir publicamente a memoria de tradución en formato TMX, documentación e a terminoloxía derivada do proxecto así como a outras actividades nos aspectos formativos e de difusión.
1. O galego é a lingua propia da Universidade de Vigo.
Utilizar as novas tecnoloxías da información e da comunicación para difundir a información e para dinamizar a lingua galega.
2. Seguir desenvolvendo aplicacións e actividades que utilicen as novas tecnoloxías, principalmente na formación e autoformación, no asesoramento e na dinamización da lingua.
3. Proporcionarlle á comunidade universitaria produtos informáticos en galego, e colaborar no desenvolvemento deste tipo de ferramentas e aplicacións.
3. Dispoñer dunha versión en lingua galega, que será a versión principal e por defecto, de todos os sitios e páxinas web institucionais (administración, servizos, centros, departamentos, etc.).
3. Fomentar que os cursos e as actividades de formación organizados polos servizos da Universidade de cara a toda a comunidade universitaria se desenvolvan en galego, facilitando os medios e o asesoramento preciso.
4. Dispoñer de versións en galego dos sistemas operativos e dos programas que se utilicen na xestión e traballo da Universidade, caso do sistema de xestión de bibliotecas e do catálogo de materias.
Artigo 3º1. A lingua galega é a lingua propia da Universidade de Santiago de Compostela.
Artigo 5.
1. Na Universidade da Coruña serán linguas oficiais as recoñecidas no Estatuto de autonomía de Galicia, sen que se poida facer discriminación por razóns de uso de calquera delas.
2. A lingua propia da Universidade da Coruña é o galego, que será o seu vehículo normal de expresión. Para a súa normalización fomentará o seu uso en todas as súas actividades.