A Asociación Proxecto Trasno organiza para o vindeiro sábado 4 e o domingo 5 de outubro no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia un encontro que pretende acadar unha posta en común da problemática específica dos grupos de tradución do SwL á linguas minorizadas e/ou en risco de desaparición; así como iniciar unha relación de colaboración e posta en común de recursos.
Ademais do grupo galego, promoven este encontro Softaragonés, Softastur, Softcatalà e o vasco Librezale.org. O encontro vai directamente dirixido ás persoas tradutoras dos equipos «oficiais» de tradución de Mozilla (Firefox, FirefoxOS, Thunderbird) LibreOffice e Apache Openoffice, Gnome, Mate, Kde, LXDE, Debian, MiniNo, Ubuntu, Mint, Fedora, ownCloud. OpenMediaVault, Android/Cianogenmod, etc. así como calquera outra persoa tradutora de aplicativos libres, estean organizadas ou non.
A asistencia a estas xornadas é libre, aberta e de balde. Poderá asistir calquera persoa interesada na tradución de software ou de produtos tecnolóxicos e informáticos, a calquera idioma.
Neste momento o EITSL ten aberto o prazo para a presentación de propostas de mesas e grupos de traballo xa que será o método empregado para o desenvolvemento das sesións. Pode atoparse toda información e contactos aquí.